Así consta no manifesto que o presidente provincial e as trece deputadas e deputados que apoian o goberno provincial asinaron no Concello do Irixo, ao remate da andaina “Camiño de Nós”, organizada para conmemorar o 101 aniversario do primeiro número da revista Nós facendo unha parte do traxecto que en 1926 percorreron varios membros desta xeración na súa peregrinaxe a Santiago de Compostela
MANIFESTO A PROL DUN MAIOR PULO NORMALIZADOR E DE USO DA LINGUA PROPIA DE GALICIA DO GOBERNO PROVINCIAL DE OURENSE.
Hoxe, sábado 30 de outubro de 2021, cento un aniversario da saída en Ourense, “Pra ledicia de todos e pra enseño de moitos”, do primeiro número da revista Nós, reunímonos no concello do Irixo os catorce deputados provinciais abaixo asinantes, despois de termos percorrido a pé oito quilómetros do Camiño de Nós – o treito que vai dende a Ponte do Eixán á Ponte-Irixo-, vieiro que fixeron no verán do Ano Santo de 1926, entre Ourense e Compostela, os galeguistas Vicente Risco Ramón Otero Pedrayo, Florentino L. Cuevillas, Afonso V. Monxardín, Lois Feixóo, Antón Sánchez e Xavier Pardo Bedia, peregrinos dunha nova fe, acordamos e manifestamos:
Anovar o noso circio compromiso, como representantes de diversos concellos de Ourense e como membros da Xunta de Goberno da Deputación Provincial, co idioma galego, lingua propia de Galicia, como establece o vixente Estatuto de Autonomía, refrendado e aprobado pola vontade soberana do pobo galego en 1981.
Consérvase un pergamiño, o Foro do burgo de Castro Caldelas, datado en abril de 1228, en Allariz, considerado por estudosos e investigadores como o documento máis antigo en lingua galega. Trátase do único exemplo, latino-galego, de privilexio real, escrito en galego e en Galicia, da nosa historia. Outorgóullelo El Rei Afonso IX, último monarca privativo de León e de Galicia, “a vos omes do boo burgo, assy aos presentes como aos que an de vir, et a vossos fillos et a toda vossa generación…”
Animados polo espírito de afirmación galega que nos concede o vello pergamino, polas ideas do sabio Frei Benito Jerónimo Feijóo y Montenegro acerca da nosa lingua, polos poetas e xograres medievais, nados en Ourense, que trobaron en galego, pola voz indomable, rebelde e baril de Manuel Curros Enríquez no Rexurdimento, polos escritores e escritoras que engrandeceron o idioma de noso, dende Valentín Lamas Carbajal a Xosé Luís Méndez Ferrín, e dende Pura Vázquez a Chus Pato, mais sobre todo polas ourensás e os ourensáns que alentaron a súa fala no lume do fogar, nos traballos e nas angueiras, nas ledicias e nas mágoas, dentro e fóra, alí onde os levase a vida, declaramos o noso orgullo de galego falantes.
Sabido é que a lingua propia constitúe o cerne da identidade galega. Por iso nós, dende a peculiaridade ourensá, dende a ourensanía, sentimento común que trascende límites administrativos e non entende de fronteiras, que nace connosco e que permanece, comprometémonos a elaborar un conxunto de medidas destinadas a un maior pulo normalizador que incida, especialmente, no uso da lingua galega a todos os niveis.
Concretadas nunha proposta as devanditas medidas, despois de termos consultado con especialistas na materia, presentarémolas ao Pleno da Deputación para lograrmos o maior consenso posible.
Rematamos facendo nosas as palabras de Eduardo Blanco-Amor no número 145 de Nós, homenaxe da Real Academia Galega, no cincuentenario da revista, en outubro de 1970, presidida daquela polo ourensán Sebastián Martínez-Risco:
“O meu pobo, Ourense, por causas que, en troques de podérense esplicar coas razós acostumadas, somellan andaren boligando polos indescifrábeles manexos do sino, asumiu a misión de responder a cada un dos rexurdimentos galegos dun xeito propio (nin millor nin pior, diferente,digamos que máis creativo) ao común doutros grupos submisos, enchoupados nos dogmas do seu tempo. O ourensanismo é unha sorte de deslocalización, refinamento e trascendencia do pulo galeguizante…Pódese falar dunha sorte de “filtro” ourensán que sempre se traduce en compromiso, que condiciona e que decanta…que enche as eivas, que complementa con fina ironía crítica, que vai por diante…
José Manuel Baltar Blanco
Rosendo Luís Fernández Fernández
César Manuel Fernández Gil
Plácido Álvarez Dobaño
Ana María Villarino Pardo
Luz Doporto Real
Pablo Pérez Pérez
Jorge Pumar Tesouro
Patricia Torres Madureira
Montserrat Lama Novoa
Armando Ojea Bouzo
Consuelo Vispo Seara
Miguel Antonio Cid Álvarez
Álvaro José Fernández López