A Deputación inicia un novo expediente para continuar coa dixitalización do arquivo histórico de La Región

A Deputación de Ourense vén de iniciar un expediente para continuar coa dixitalización do arquivo histórico de La Región, mediante a sinatura dunha providencia por parte do presidente, Manuel Baltar, na que se fan constar as condicións para a contratación dun traballo que abrangue os exemplares publicados polo diario ourensán entre os anos 1957 e 1975, o que suporá a xeración de preto de 86.000 imaxes cos seus correspondentes metadatos. 

As tarefas asociadas a este traballo, que agora sae a contratación, tamén teñen como obxectivo a normalización do acceso aos periódicos dixitalizados segundo as directrices nacionais e internacionais co fin de lograr a máxima visibilidade destes recursos, que se integrarán no catálogo da Biblioteca da Deputación de Ourense e na Biblioteca Dixital de Galicia, “Galiciana”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Na actualidade, en ambas as dúas bibliotecas -no caso da Deputación a través da súa web institucional- poden consultarse os exemplares publicados por La Región desde o seu primeiro número, o 15 de febreiro de 1910, ata o ano 1956, sendo ademais un dos diarios máis consultados a través do repositorio de “Galiciana”. 

Coa apertura deste expediente, a Deputación de Ourense dá un paso máis na integración do centro bibliotecario provincial na Rede de Bibliotecas de Galicia, segundo establece o acordo asinado a finais do pasado xullo entre o presidente provincial, Manuel Baltar, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na procura dun mellor acceso da veciñanza á lectura en xeral e á cabeceira máis importante da historia da provincia en particular.