AGACA e EspazoCoop asinan a declaración “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”

As organizacións representativas do movemento cooperativo galego  Asociacion Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) Unión de Cooperativas EspazoCoop celebran un acto conxunto de visibilización do cooperativismo o vindeiro 4 de Novembro en Santiago de Compostela.

O Museo do Pobo Galego acollerá a partir das 13 horas do 4 de novembro a presentación da Declaración de Santiago de Compostela “As Cooperativas, motor dunha recuperación máis social, sostible e participativa”, un acordo entre Agaca e EspazoCoop que busca poñer en valor o modelo empresarial cooperativo en Galicia e detalla algunhas das súas demandas e solicitudes á Administración. Acudirán representantes do sector cooperativo e de institucións gobernamentais galegas e europeas.

AVANTAR ACTIVIDADES

O acto abrirase coa intervención María Canal, Conselleira Económica da Comisión Europea en España. Seguidamente participarán os presidentes de varias Confederacións de Cooperativas estatais:  Ángel Villafranca (Cooperativas Agro-alimentarias de España), Luis Miguel Jurado (Confederación Española de Cooperativas de Trabajo – COCETA), e Javier Martínez (Unión Española de Cooperativas de Enseñanza –UECoE). Ademais contarase coa presenza e intervención de María Jesús Lorenzana, Conselleira de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia.

Ás 14:00h procederase á presentación da ‘Declaración de Santiago de Compostela 2021’. O acto rematará coa sinatura da Declaración por parte das presidentas de AGACA e EspazoCoop, respectivamente Carmen Rodríguez e Ana Olveira, e as intervencións de ambas as dúas.