A Xunta celebra a nova marca turística de Ourense e apoia iniciativas vencelladas coa súa promoción

  • O delegado territorial dixo en Monterrei que a provincia conta con todos os atractivos que esixe o modelo de turismo de calidade polo que aposta o Goberno galego
  • A Xunta achega máis de 62.000 euros á posta en marcha de accións de promoción do Camiño de Santiago, turismo de congresos e actividades deportivas na provincia, entre outras iniciativas 

O delegado territorial  da Xunta, Gabriel Alén, asistiu hoxe á presentación da nova estratexia e marca turística da provincia de Ourense e celebrou esta nova aposta por un turismo de calidade que a Xunta está a apoiar con achegas a iniciativas relacionadas coa promoción do Camiño de Santiago, o turismo de congresos e as actividades deportivas na provincia, entre outras iniciativas.

Impulsada pola Deputación de Ourense e o Instituto Ourensá de Desenvolvemento Económico (Inorde), a nova marca trata de asentar as fortalezas turísticas da provincia, con especial fincapé no patrimonio, as augas termais, a natureza e o viño, tal e como se anunciou nun acto no Parador de Monterrei no que Gabriel Alén estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e pola xerente do Inorde, Emma González.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial subliñou que esta nova estratexia chega nun momento oportuno para a provincia pola celebración do Xacobeo -son dous os itinerarios do Camiño de Santiago que atravesan a provincia: a Vía da Prata e o Camiño do Inverno- e pola chegada da alta velocidade, que permitirá á provincia de Ourense chegar a novos perfís de turistas. O representante do Goberno galego puxo en valor a oferta turística que ofrece Ourense, que aposta polo turismo tranquilo e de calidade en consonancia co que promove a Xunta e coas tendencias que marcan os tempos pospandemia.

Coincidindo coa presentación da marca turística, Gabriel  Alén anunciou o apoio da Xunta a novas iniciativas turísticas que vai poñer en marcha o Inorde, como a promoción da Vía da Prata, o turismo de congresos ou actividades deportivas, que contarán cunha achega do Goberno galego de máis de 62.000 euros. O delegado territorial dixo que “con esta nova colaboración demostramos unha vez máis o compromiso da Xunta con Ourense e ratificamos o que todos xa sabemos: que xuntos é máis fácil chegar á meta”.

A aposta do Goberno galego pola promoción turística de Ourense non é nova, senón que, desde o ano 2013, vén asinando convenios de colaboración para a conservación do patrimonio, o impulso do turismo termal, o deporte de natureza e outras iniciativas nas que a Xunta investiu máis de 203.000 euros.