O Psdeg-Psoe reclama unha nova liña ferroviaria directa entre Ourense e Vigo por Mondariz que sexa realmente competitiva fronte ao coche ou o autobús

“É a única alternativa que reduce quilómetros e posibilitaría unir Madrid e Vigo nunhas 2 horas e 45 minutos, fronte ás 3 horas e 50 minutos que os trens ‘Avril’ precisarán a partir do verán de 2022”

Villarino, González e Gómez mantiveron un encontro de traballo con representantes da plataforma de defensa da liña entre Ourense e Vigo na que concluíron que a liña por Mondariz “é a única opción óptima”

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha nova liña directa de alta velocidade entre Ourense e Vigo, que una dunha forma directa e eficiente as principais cidades das dúas provincias e que sexa plenamente competitiva ante o coche ou o autobús. Iso é o que defenderá o PSdeG-PSOE de Ourense nos plenos da Deputación e do Concello de novembro e por iso instarán ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á elaboración dun estudo informativo que contemple alternativas para conectar as provincias de Pontevedra e Ourense. Tamén reclamarán que a institución provincial se manifeste publicamente en favor desta proposta.


O voceiro socialista, Rafa Villarino, e os vicevoceiros en Concello e Deputación, Natalia González e Nacho Gómez, mantiveron un encontro con representantes da plataforma de defensa da liña entre Ourense e Vigo por Mondariz, na que analizaron as alternativas e concluíron que esta opción é a única óptima. E que durante, polo menos, a próxima década, estas dúas cidades estarán unidas por trens de alta velocidade que tardarán case media hora máis que un coche por autoestrada, ao ter que circular dando un “rodeo inaudito” por Santiago que duplicará os quilómetros e tamén o prezo.

Fronte a esta “solución estrambótica”, desde o PSdeG-PSOE ourensán defenden que a opción por Mondariz permitiría realizar a viaxe a Vigo en menos de media hora e a Pontevedra nuns 40 minutos. “Teríamos mellores tempos que Cerdedo e sería máis económica ao aproveitar a saída sur de Vigo, actualmente en tramitación”, sinalan. Os socialistas recordan que a cidade olívica e a súa área metropolitana son o “maior mercado potencial de Galicia” e, ademais, “mantén unhas relacións de mobilidade moi intensas coa provincia ourensá”, polo que “é obrigado unha boa conexión ferroviaria canto antes”.

Villarino asegurou que “o trazado por Cercedo é antieconómico por afastado” e defendeu o estudo dun trazado “máis rápido e directo”, que redundaría no beneficio de Ourense e Vigo. “Estamos falando de que Vigo e Ourense estarían conectados en só 25 minutos, e Vigo terá 1 hora e 5 minutos menos para chegar ata Madrid”.

Neste sentido, o socialista defendeu que a conexión por Mondariz “podería empregar unha futura infraestrutura entre Galicia e Portugal tamén por liña férrea”, de maneira que o custe da obra sexa “máis axeitado, compartido entre administracións e incluso entre distintos países”.

Única alternativa que reduce quilómetros

Os socialistas explican que viaxar en tren de Ourense a Vigo polo actual corredor do río Miño supón percorrer 132 quilómetros nunha hora e media. Para chegar de Ourense a Vigo polo bypass de Santiago percórrense 178 quilómetros, actualmente en hora e media, mais nun futuro próximo podería reducirse ata unha hora e quince minutos. O trazado por Cerdedo precisaría de algo máis de 50 minutos tras consumir 114 quilómetros. Sen embargo, unha opción directa por Mondariz permitiría unir Vigo e Ourense en pouco máis de 25 minutos.

“É a única alternativa que reduce quilómetros cun custe económico estándar. Esta opción tamén posibilitaría unir Madrid e Vigo nunhas 2 horas e 45 minutos, fronte ás 3 horas e 50 minutos que os trens do modelo ‘Avril’ precisarán a partir do verán de 2022, ao ter que circular polo rodeo de Santiago