A Xunta anuncia a licitación das obras de ampliación do parque empresarial de Xinzo

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Elvira Lama, o parque empresarial de Xinzo de Limia, onde informou da publicación no día de hoxe do anuncio de licitación das obras de ampliación deste complexo industrial, no que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vai investir 3,8 millóns de euros.

O delegado territorial explicou que na provincia de Ourense a Xunta reserva tamén unha partida, nos orzamentos do 2022, de  1,8 millóns para a ampliación da Tecnópole en  San Cibrao das Viñas, e en Paderne de Allariz está previsto continuar cos traballos técnicos que faciliten o desenvolvemento da actuación sobre unha superficie de arredor de 1,13 millóns de metros cadrados.

AVANTAR ACTIVIDADES

Gabriel Alén subliñou que a Xunta reserva unha partida de 26,6 millóns de euros para impulsar actuacións co obxectivo de optimizar un mínimo dunha vintena de parques empresarias de Galicia ao longo do vindeiro exercicio. Trátase dunha das medidas que o Goberno galego brinda ao tecido empresarial, a través dos orzamentos de 2022, co fin de favorecer a implantación de novas firmas ou a expansión e ampliación das que xa facilitan emprego en Galicia.

O representante do Goberno galego detallou que esta non será a única medida dirixida a axudar aos empresarios que aposten por Galicia, xa que un ano máis a Xunta bonificará a adquisición de solo empresarial. No 2022 reserva unha partida de 7,5 millóns de euros para seguir mantendo uns incentivos con boa acollida, tal e como demostran os 2,3 millóns de metros cadrados bonificados desde a súa posta en marcha, o que permitiu aforrar 70 millóns de euros ao tecido empresarial.

Para mellorar a planificación do solo empresarial e atendendo á demanda empresarial aprobarase no vindeiro ano  a primeira Lei de Áreas Empresariais de Galicia, así como a modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia (PSOAEG).

Obras de ampliación

O parque empresarial existente en Xinzo de Limia está composto por terreos urbanizados e desenvolvidos en dous sectores (1 e 2) polos correspondentes plans parciais de ordenación. As parcelas lucrativas deste parque están todas adxudicadas polo que non existen parcelas dispoñibles.

A ampliación do parque empresarial en servizo a través do proxecto sectorial vixente prevé a urbanización dos terreos contiguos a devanditos sectores 1 e 2, abarcando unha superficie de 695.860 m2. A primeira modificación do proxecto sectorial remite a unha nova programación da xestión e da execución da totalidade do ámbito en cinco polígonos independentes.

A primeira fase da ampliación que se executa é a do polígono núm. 2,  que conta cunha superficie bruta ordenada de 117.418 m2, que se distribuirán en 22 parcelas de uso lucrativo, concretamente 19 de uso industrial – comercial (66.445 m2) e 4 de uso terciario  (20.076 m2).

A obra de urbanización deste polígono núm. 2 do PS do PE de Xinzo Limia sae a concurso por un importe de 3.604.826,44 I.V.E. excluído e conta cun prazo de execución de 9 meses dende a sinatura do contrato de adxudicación.

Igualmente,  saen a concurso os contratos de dirección facultativa e control de calidade das devanditas obras de urbanización por un  importe de 88.000,00 €  máis IVE e 65.717,44 € máis IVE,  respectivamente.