Comeza a reforma do lavadoiro de Toscaña, dentro do proxecto de humanización da zona

A Confederación Hidrográfica Miño Sil está a executar o proxecto de restauración e recuperación das antigas instalacións do lavadoiro público de Toscaña, na marxe dereita do río Arenteiro ao seu paso pola vila do Carballiño. A intervención que desenvolve na actualidade a Hidrográfica forma parte dun proxecto integral para a zona que inclúe actuacións como a creación dunha praia fluvial e un parque multiaventura.

A actuación na zona de Toscaña xa fora presentada en xuño deste ano, nun acto no que participaron o presidente da Confederación Hidrográfica Miño Sil, José Antonio Quiroga, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e os concelleiros Rogelio Otero e Manuel Dacal.

AVANTAR ACTIVIDADES

No proxecto que está a realizar a Hidrográfica contémplase a recuperación integral do espazo do antigo lavadoiro, acometendo de maneira prioritaria a restauración da cuberta, elemento que presentaba un importante deterioro e que precisaba a intervención máis urxente. Para acondicionar o entorno do río Arenteiro no barrio de Toscaña está previsto un investimento, por parte do organismo de cunca, de 325.000 euros.

O proxecto de acondicionamento do espazo á beira do río inclúe varias actuacións e así, xunto á remodelación do vello lavadoiro que realiza a Hidrográfica, está previsto que se proceda a reformar o entorno para crear unha praia fluvial e un parque multiaventura. Segundo o convenio asinado no seu día o Concello do Carballiño asumirá os traballos complementarios á intervención da Confederación, contemplando un investimento de máis de 200.000 euros por parte da administración local carballiñesa.

Xunto ás iniciativas sinaladas, tamén está previsto realizar a mellora do trazado do paseo á beira do río Arenteiro neste tramo.