Gastronomía e Camiño de Santiago conflúen en Xantar para vender Galicia como un destino atractivo e seguro

A 22ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico abriu as súas portas esta mañá en Expourense convertido en “o mellor envoltorio para vender Galicia” en palabras do vicepresidente 1º e Conselleiro de Turismo, Alfonso Rueda

O Camiño de Santiago e a gastronomía, dúas dos principais motivos para visitar Galicia, conflúen este ano en Xantar que se posiciona como o mellor escaparate para atraer turistas a esta comunidade e posicionala internacionalmente como un destino atractivo e seguro que reúne todas as calidades que o novo viaxeiro post- covid busca: natureza, patrimonio, contorna rural, pouca masificación e unha boa oferta enogastronómica.
Xantar 2021, a única feira internacional de turismo gastronómico de España, abriu as súas portas esta mañá para dar lugar a cinco días de intensa actividade que teñen o obxectivo de converterse no gran punto de reencontro dos profesionais do sector do turismo e a gastronomía e de ser un punto e inflexión cara á tan ansiada normalidade. Xantar é ademais una das catro feiras internacionais de turismo celebradas en España en 2021 (as outras son FITUR, INTUR e B-Travel) e posiciona a Ourense á beira de Madrid, Valladolid ou Barcelona, como cidade organizadora de eventos, unha circunstancia que cobrará máis valor nesta “última edición de Xantar sen AVE”, tal e como explicou o director de Xantar, Rogelio Martínez, durante o acto inaugural quen tamén indicou que “a Alta Velocidade ten que contribuír a reforzar o papel de Ourense como porta de entrada a Galicia e como destino idóneo para o turismo de Proximidade”.
Esta 22ª edición de Xantar foi inaugurada esta mañá nun acto oficial presidido polo vicepresidente 1º e Conselleiro de Turismo da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen indicou que “ Xantar é o mellor envoltorio para vender Galicia a nivel internacional” e cualificou como “un acerto”dedicar a presente edición á gastronomía dos distintos camiños a Santiago porque é o mellor escaparate para animar aos turistas para visitar Galicia con motivo do Xacobeo”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Xantar 2021 reflicte o bo momento que vive Galicia na recuperación do turismo tras a pandemia “despois de pechar un verán no que a comunidade autónoma foi líder na recuperación turística e despois dun Puente de Todos os Santos na que os establecementos hostaleiros rozaron o cento por cento de ocupación”, explicou Rueda. Ademais, os destinos turísticos presentes nesta cita aproveitan para presentar a súa campaña turística de fronte ao ano 2022 que nesta comunidade continuará sendo especial coa prolongación do Ano Santo Xacobeo a 2022.
Arrinca así unha edición especial de Xantar, a primeira que se celebra no mes de novembro, un cambio de datas que convenceu aos máis de 160 expositores do salón e que veu para quedar. Esta nova edición reflicte ademais as ganas de volver á normalidade e de reencontrarse como puido quedar patente esta tarde cos restaurantes con bo nivel de ocupación por grupos de comensais moi amplos. Asociacións, federacións, concellos e empresas aproveitaron Xantar para celebrar unha comida de reencontro e confraternización nun dos 7 restaurantes desta edición.
Esta primeira xornada inaugural foi o día dedicado á cidade de Ourense, representado pola súa concelleira de Turismo, Flora Moure, e do concello de Sober que leva participando nesta cita desde a primeira edición celebrada en 1999. Pero ademais dos expositores fieis, Xantar suma cada ano novos como é o caso da Cámara Municipal de Maia que participa por primeira vez cunha caseta propia e que tamén quixo ter o seu día dedicado.


As dúas aulas gastronómicas acolleron nesta xornada os primeiros talleres de cociña en directo que forman parte das máis de 100 actividades previstas para esta edición e incluídas no XVI Encontro Internacional sobre Gastronomía Saudable e Sostible que comezou coa conferencia inaugural impartida polo xornalista gastronómico e ex profesor da Basque Culinary Center, Josema Azpeitia, que impartiu unha conferencia sobre a importancia da correcta formación dos futuros profesionais da hostalería e na que se expuxo o cambio na forma de ensinar dada “a profusión de programas e concursos televisivos de carácter gastronómico, desde series en grandes plataformas, serias e rigorosas, ata os realities máis morbosos, pasando por miles de programas dirixidos por chefs, cocinillas e gastrónomos, que fan que todos

os segredos, técnicas, trucos, consellos, curiosidades… do mundo da cociña estean a man de todo o que estea interesado neles desde a infancia. Ten sentido, por tanto, o esquema clásico das escolas de cociña baseado case exclusivamente no ensino dos principios básicos de cociña seguido dunha especialización nun ou varios ámbitos máis as consabidas prácticas en restaurantes?”, expuxo Azpeitia.
Relacionado coa formación de profesionais, cabe comentar que Xantar converterase estes días en aula magna práctica dunha ducia de escolas de hostalería de Galicia e Portugal que traerán aos seus alumnos e alumnas para participar nas actividades de Xantar.
Tamén hoxe celebrouse unha nova edición do workshop de turismo gastronómico no que participan unha decena de axencias de viaxes de España especializadas neste sector e tamén foi o lugar elixido para celebrar unha nova edición do Encontro de Bloggers Turísticos e Gastronómicos no que participaron unha trintena de blogueiros de Galicia, Portugal, Asturias, Andalucía, León e Estados Unidos.
Polo que respecta aos expositores, nesta primeira xornada foron presentados produtos innovadores como a “ BoinadePueblo” de Carnicería de Pobo ou a bica en frasco de Cristal de Autentica Ourensá.
A actividade desta xornada concluirá coa tradicional Noite do Deporte na que participan clubs e asociacións vinculados a outro dos proxectos relacionados co turismo e organizados por Expourense, Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo, que se celebra no recinto feiral os días 19 e 20 deste mes.