O concello de Ribadavia reformará o parque infantil de Francelos

A alcaldesa de Ribadavia, Noelia Rodríguez, anunciou esta nova asegurando que con esta actuación “preténdese mellorar o parque infantil existente en Francelos”. Levarase a cabo a retirada da varanda de madeira existente en mal estado, a retirada de elemento infantil de gran tamaño en mal estado e substitución por un novo elemento infantil, con forma de formiga. Ademais, procedesase a retirada do carteis en mal estado e instalación de novos, a instalación dun bordillo de madeira perimetral que conteña a area que conforma o pavimento amortecedor do parque infantil, a instalación dunha capa de area de 20 cm de espesor sobre a existente para aumentar a capa de amortización e renovar o pavimento, o acondicionamento dos elementos infantís existentes mediante o seu lixado e repintado para aumentar a súa vida útil, e a instalación de papeleira de reciclaxe para incentivar a reciclaxe de residuos entre os máis cativos.

Coas actuacións recollidas neste proxecto o Concello de Ribadavia pretende mellorar un parque infantil con moita afluencia, como é este de Francelos, unha infraestrutura infantil existente que có paso dos anos presenta importantes problemas de seguridade para os cativos e cativas que o empregan polo estado que presentan algúns dos seus elementos, podendo incluso producirse un accidente. Así mesmo resultan pouco atractivos para os nenos e nenas deste núcleo de poboación que finalmente acaban acudindo aos parques infantís existentes na capital do municipio, de tal forma que existe un desequilibrio entre as zonas máis urbanas do concello e os núcleos de poboación máis rurais.

AVANTAR ACTIVIDADES

A alcaldesa afirma que buscan crear unha a oferta atractiva deste tipo infraestruturas infantís “coa idea de atraer novos asentamentos ao termo municipal, especialmente na zona das parroquias”. Coa mellora deste parque infantil na parroquia de Francelos no Concello de Ribadavia está actuando sobre unha área tan sensible para a cidadanía como é o lecer infantil e a creación de ámbitos de convivencia e relación social na infancia .

Ademais, a alcaldesa de Ribadavia asegurou que se pretende continuar coa mellora de outros parques infantís do municipio, para o cal están traballando na redacción de proxectos para buscar a colaboración de outras Administracións, como a Xunta e a Deputación.

Desde o Concello queren agradecer ao “Grupo de Desenvolmento Rural Ribeiro- Carballiño” a súa achega para facer posible esta mellora.