A Xunta reforza a acollida de peregrinos con 76 prazas novas no Mosteiro de Oseira

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe as actuacións xa finalizadas da rehabilitación do antigo albergue do mosteiro Oseira para contar con 32 prazas para a acollida de peregrinos. Ademais, nos próximos meses rematará a construción do novo albergue con outras 44 prazas ao reconverter unhas naves abandonadas dunha parte do mosteiro. En total, serán 76 prazas dispoñibles para os peregrinos que percorren a Vía da Prata.

As dúas instalacións estarán integradas e conectadas neste espazo e contarán cunhas instalacións accesibles, que no caso da reforma do antigo albergue contará con baño adaptado para persoas con discapacidade e na súa ampliación cunha habitación de 2 prazas tamén adaptada.

AVANTAR ACTIVIDADES

As obras da rehabilitación do antigo albergue que visitou hoxe o vicepresidente primeiro da Xunta incluíron melloras na planta baixa e primeira nas zonas do vestíbulo, a lavandería, o almacén e os aseos. Os traballos consistiron na construción dun novo volume para pechar a nave actual, dotando ao albergue dun aseo accesible e outros novos.

No caso da nova construción, Alfonso Rueda explicou que se está a actuar respectando a edificación orixinal ademais de recuperar zonas derruídas e utilizar materiais adaptados á contorna. Nesta liña, as obras seguen a liña da aposta da Xunta na ampliación dos albergues pública mediante a posta en valor de edificios históricos e apostando pola accesibilidade e sistemas de eficiencia enerxética.

A Xunta destinou 1 millón de euros para intervir nesta edificación en desuso e darlle unha nova vida a este edificio considerado Ben de Interese Cultural polo seu valor histórico e patrimonial.

O vicepresidente primeiro da Xunta lembrou que xunto con este novo espazo en San Cristovo de Cea, a ruta da Vía da Prata sumará en 2022 aos seus 13 albergues outro no concello de Piñor, que conta cun investimento de 1,1 millóns de euros e estará dotado con 40 prazas e cabalerías.

O Goberno galego continúa así coa ampliación da rede pública de albergues, á que nos últimos anos destinou 10,6 millóns de euros, co obxectivo de acadar ao longo deste Xacobeo 21-22 os 78 albergues. Aos de A Gudiña, Vigo e Sobrado inaugurados este ano engadirase este en Oseira e para 2022 tamén están previstos os de Piñor, Riós, Ferrol e A Coruña, neste último caso unha vez que o concello concrete a ubicación.

Co obxectivo de ofrecer a mellor imaxe de Galicia aos peregrinos, continuaranse os traballos na adecuación dos camiños e dos albergues. De feito na Vía de Prata, a Xunta xa investiu 2,5 millóns para o acondicionamento do trazado. Ademais, dos 2,4 millóns que se investirán ata finais deste 2021 para mellorar a eficiencia enerxética e a accesibilidade de 28 albergues públicos na comunidade, 5 deles atópanse nesta ruta.

Alfonso Rueda incidiu en que estas actuacións levadas a cabo no Camiño, xunto coas medidas de prevención ante a covid-19, a posta en marcha do seguro coronavirus ou a campaña de promoción Camiña a Galicia contribuíron á reactivación da peregrinación neste ano superando as expectativas. A Xunta tiña previsto pechar o ano por riba das 140.000 Compostelas e esa cifra xa se acadou en setembro con máis de 168.000 no que vai de Ano e co 74% dos peregrinos de orixe nacional. Por iso, o vicepresidente primeiro da Xunta confía en que en 2022 continúe a reactivación do Camiño cos peregrinos internacionais.


VIDEO SPOT San Cristovo de CEA en BADAL TV