O PSOE califica os orzamentos de Punxín de 2022 como “inadmisibles” e “copia e pega”

O PSdeG-PSOE de Punxín afirma que o orzamento para 2022 presentado polo goberno municipal, conformado polo PP e un concelleiro non adscrito, é unha auténtica “tomadura de pelo”. As concelleiras socialistas consideran “inadmisible” que se leve a pleno unhas contas que son exactamente iguais que as do ano anterior e acusan ao alcalde e o seu grupo de goberno de “non facer os deberes” e de optar por un “copia e pega” en lugar de analizar os problemas reais e os investimentos que precisa Punxín.

Dende o Grupo Municipal Socialista subliñan que o orzamento aprobado na sesión plenaria extraordinaria de hoxe ten un claro compoñente de “continuísmo” e apuntan a que se trata dunhas contas nas que non se reflicte “un proxecto de futuro” para Punxín e que non dan resposta as “necesidades reais” da veciñanza. As socialistas salientan que este copia e pega do orzamento do ano anterior reflicte a mesma cantidade de 456.525 euros e tamén as mesmas partidas, polo que segundo manifestan “trátase dunhas contas irreais e inadmisibles”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para a voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro, esta situación vivida no pleno de hoxe “é unha tomadura de pelo e unha nova mostra de que o equipo de goberno non ten ningunhas ganas de traballar por Punxín”. A concelleira socialistas acusa ao alcalde e o seu grupo de goberno de “dar as costas á veciñanza” e afirma que “non pode ser que cun incremento na aportación que a Xunta de Galicia fai ao servizo de axuda no fogar, que suporá uns 11.000 € para o exercicio 2022, a partida destinada polo Concello no orzamento, non se incremente nun só céntimo”.

Peleteiro alerta tamén de que con estas contas “ponse en evidencia a falta de miras políticas do goberno municipal, a ausencia total de traballo e as ganas de loitar por Punxín e as súas xentes”. Para a voceira socialista este modo de actuar “deixa constancia, unha vez máis, que Punxín e a súa veciñanza precisa dun goberno municipal serio, responsable, traballador e que reivindique as necesidades do municipio”, circunstancia, que tal e como relata, “non é posible co actual goberno municipal do Partido Popular e o concelleiro non adscrito, ex de Ciudadanos”.