O concello de Ribadavia vai realizar catas no terreo de xogo do Campo do Xestal.

O mal estado do campo desde a súa inauguración fai necesario que o Concello defenda os seus intereses.

Recordamos que esta obra foi executada integramente pola Deputación Provincial, pero o Concello realizou un investimento de 100.000 euros a unha obra que superou amplamente os 350.000 euros. Agora, e aínda que esta obra foi recepcionada por parte do anterior Alcalde, o Concello é unha parte perxudicada pola situación en mal estado na que foi entregado o terreo de xogo ao Concello de Ribadavia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Dada a problemática existente co céspede artificial desde a súa inauguración, considerase necesario realizar a valoración técnica do mesmo: comprobación das pendentes do terreo de xogo, ademais de varios sondeos para o recoñecemento do subsolo, a inclinación de pendentes da superficie de xogo, das columnas litolóxicas e do nivel freático.

O Concello quere que este estudio de inspección do terreo de xogo do Xestal sexa o primeiro paso para conseguir unha solución ao mesmo. O Concello non pode renunciar a exercer todos os medios a súa disposición para defender os intereses de Ribadavia e dos numerosos usuarios do campo do Xestal.

Desde o Concello intentouse en primeira instancia buscar solucións a través de diferentes reunións coa empresa executora da obra, así como tamén con varias peticións á Deputación provincial para buscar unha solución. Co paso do tempo, esta non chega e sen embargo a situación do terreo de xogo supón un agravio para os nosos veciños e os usuarios do Xestal.

O Concello non pode permanecer inmóbil nin pasivo, e realizará este novo intento de solución e de defensa dos intereses ribadavienses.

Cando os resultados e o informe estea listo e entregado, o Concello fará público os seus resultados.