A Xunta destaca en Ribadavia a contribución de pemes como Viña Costeira ao incremento das exportacións galegas

O director do Igape, Fernando Guldrís, puxo en valor o esforzo da compañía pola busca de novos mercados, apoiándose en iniciativas como o Galicia Exporta Dixital

Viña Costeira puxo en marcha un plan de internacionalización web grazas a este programa de axudas, que en total ten permitido activar 18 proxectos de internacionalización na provincia por un importe próximo aos 700.000 euros

AVANTAR ACTIVIDADES

As exportacións das empresas ourensás aumentaron de xaneiro a agosto un 34,6%

O director do Igape, Fernando Guldrís, visitou hoxe a adega de Viña Costeira, en Ribadavia, onde puxo en valor o papel clave que están a xogar as pequenas e medianas empresas para que Galicia siga a incrementar as súas exportacións.

Tal e como apuntou Guldrís, ata agosto, as vendas ao exterior da Comunidade rozaban xa os 15.000 millóns, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto aos oito primeiros meses do ano pasado. Unhas cifras ás que cabe engadir outras como o aumento do número de empresas exportadoras galegas, que alcanzou as 7340, o que supón unha suba de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período de 2020. No que respecta á provincia de Ourense, de xaneiro a agosto as exportacións incrementáronse nun 34,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior.

“Desde a Administración seguimos activando medidas destinadas a facilitar o camiño dos verdadeiros protagonistas deste logro, as nosas empresas”, salientou o director do Igape, quen valorou programas como o Galicia Exporta Dixital que, no caso de Viña Costeira, tenlle permitido desenvolver un plan de internacionalización web, poñendo en marcha un catálogo online para vender en novos mercados e traballando no seu posicionamento SEO. Este programa, segundo afondou Guldrís, impulsou ata o de agora 18 proxectos de internacionalización na provincia de Ourense por un importe próximo aos 700.000 euros.

Así mesmo, a cooperación público-privada permitiu tamén, no caso de Viña Costeira, o desenvolvemento doutras accións de internacionalización, como a participación da adega en eventos expositivos internacionais fóra de Galicia, ou un plan Primex para a primeira implantación promocional conxunta no exterior.

Neste escenario, Guldrís destacou que o esforzo conxunto da Xunta e o tecido empresarial conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta que ten como principais claves a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.