“EmprendOU” facilitou a posta en marcha de 150 iniciativas empresariais dirixidas por persoas mozas no rural

O programa “EmprendOU”, promovido pola Deputación de Ourense, facilitou a creación de máis de 150 iniciativas empresariais dirixidas por mozas e mozos nos municipios rurais da provincia con menor poboación, que dispuxeron dunha axuda máxima de case 8.700 euros para a posta en marcha dos seus proxectos. Un dato que “nos permite comprobar que o rural está vivo e que a mocidade que reside nos pequenos municipios ten interese por quedarse no seu lugar de residencia, iniciando proxectos de autoemprego nos máis variados ámbitos”, destacou a deputada de Reto Demográfico, Luz Doporto, que comezou en Boborás un novo percorrido pola provincia para dar a coñecer entre a mocidade os detalles dun programa que, como consecuencia da covid-19 e as restricións provocadas pola pandemia, ampliará a súa vixencia ao ano 2022.

“EmprendOU” foi o primeiro proxecto aprobado en España polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública no marco das políticas de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo. Contén medidas de apoio para persoas de entre 16 e 30 anos que desexen crear o seu propio posto de traballo naquelas áreas rurais afectadas polo desafío demográfico, que inclúen 82 concellos da provincia. A finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional e laboral da poboación máis nova, facendo máis atractivo o rural e provocando “un efecto chamada cara as persoas mozas con mentalidade emprendedora que queiran residir na provincia, contribuíndo así a frear o despoboamento no rural e aumentando as ferramentas de loita contra o desafío demográfico”, sinalou Luz Doporto.

AVANTAR ACTIVIDADES

O programa, cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, inclúe unha liña de axudas de máis de 700 euros por cada mes de actividade, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses, polo que a contía límite da subvención é de preto de 8.700 euros. Ás 150 empresas creadas desde 2019 uníronse este mesmo luns dous novos proxectos empresariais aprobados pola xunta de goberno da Deputación para desenvolver senllos proxectos relacionados coa construción e servizos de estética nos concellos de Ramirás e Celanova.

Xornadas comarcais “EmprendOU” de portas abertas

No centro sociocomunitario Chamoso Lamas de Boborás e para a toda a comarca do Ribeiro, Luz Doporto principiou un novo percorrido pola provincia no que participará en dez xornadas de portas abertas para dar a coñecer entre a mocidade os detalles do “EmprendOU”, que como consecuencia da covid-19 e as restricións provocadas pola pandemia, ampliará a súa vixencia ao ano 2022. Nestas xornadas está previsto que participen mozas e mozos con iniciativas empresariais xa en marcha grazas a este programa, para que ofrezan a súa visión sobre estas axudas e en que medida contribuíu ao seu lanzamento en territorios de reto demográfico.