Máis de 200 deportistas de catro comunidades reuniranse no Paco Paz para disputar a primeira Copa Auria de ximnasia rítmica

 O pavillón dos deportes Paco Paz acollerá o próximo sábado, día 13, a primeira edición da Copa Auria de ximnasia rítmica, na que participarán preto de 250 deportistas de entre 8 e 16 anos pertencentes a 26 clubs procedentes de Galicia, Asturias, Madrid e Castela-A Mancha. Unha competición que segundo os responsables do Club Marusia, organizadora da proba en colaboración coa Deputación de Ourense, pretende abrir camiño cara a preparación dos próximos campionatos nacionais. 

A I Copa Auria foi presentada hoxe no Pazo Provincial coa asistencia do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o xefe de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; a presidenta do Club Marusia, Pilar Cobelas, e Roberto Rodríguez, socio do club. 

AVANTAR ACTIVIDADES

A competición, que se desenvolverá en xornada de mañá e tarde, ten carácter nacional de nivel base e inclúe as modalidades individual e de conxunto nas categorías que van desde benxamín a xuvenil. Na primeira edición desta proba no só haberá trofeos para os ximnastas, senón tamén para os propios clubs, aos que se lles recoñecerá coa Copa Auria a súa implicación con estas probas polo número de participantes que achegan.