O Día das Librerías volve celebrarse en Ourense

 Aínda que a data marcada este ano é o 11 de novembro, a súa celebración esténdese desde o mércores 10 ao venres 12
 Descontos e actos de dinamización cos máis pequenos son o eixo principal desta conmemoración

Cada ano, o mes de novembro destina unha data para celebrar o Día das Librerías, unha conmemoración que ten máis dunha década de percorrido e que xurdiu para reivindicar o carácter cultural e de comercio de proximidade destes establecementos que ademais levan no seu ADN o fomento da cultura.
Este ano, o Día das Librerías celébrase en toda España o 11 de novembro data que, ao ser festiva nalgúns concellos da provincia ocasionou que se reparta a celebración entre o 10 e o 12 deste mes.
A Agrupación de Libreiros de Ourense, presidida por José Manuel García Mosquera, organizou para este mércores, 10 de novembro, unha xornada de dinamización con xogos e actividades para 100 nenos de 6º de primaria que comezará no Parque de San Lázaro, e que contará coa presenza de Gabriel Alén, delegado da Xunta. A continuación, divididos en grupos máis pequenos, realizarán un percorrido por librerías da cidade, para poder tomar contacto coas novidades de literatura infantil que, probablemente, moitos pedirán como agasallo para este Nadal.
Aqueles concellos nos que o 11 de novembro non é festivo local por San Martiño, celebrarán esta efeméride na propia data, mentres que a capital e outros concellos que celebran a festividade de San Martiño, o Día das Librerías trasládase ao venres 12 de novembro. Os descontos na compra de libros serán do 10% o xoves e do 5% o venres.
O Día das Librerías, ademais de dignificar estes espazos que ofrecen o marco cultural necesario para difundir a lectura, pretende tamén homenaxear a todos os lectores, tanto aos que acoden asiduamente como aos que o fan de forma esporádica. Uns e outros atopan nestes lugares unha atención personalizada e uns profesionais comprometidos co seu oficio. Por iso, comprar un libro nunha librería ten valor engadido, e os lectores sábeno. A Agrupación ourensá deste gremio súmase sempre a convocatorias e actividades deste tipo, pois esta entidade organiza e apoia habitualmente campañas que fomentan o san hábito da lectura.
Día das Librerías
Mércores 10 de novembro – 10:30 horas – actividades de dinamización para 100 nenos no Parque de San Lázaro – José Manuel García (presidente Agrupación Libreiros) e Gabriel Alén (delegado Xunta)
Xoves 11 de novembro – Día das Librerías nos concellos sen festividade de San Martiño (descontos do 10%)
Venres 12 de novembro – Día das Librerías en Ourense capital e concellos con festividade de San Martiño (descontos do 5%)

AVANTAR ACTIVIDADES