G. Caballero apoia a marcha dos socialistas de Ourense contra as políticas da Deputación

g. caballero apoia a marcha dos socialistas de ourense contra as políticas da deputación de baltar: “é inadmisible a discriminacion a tantos concellos da provincia”

O voceiro parlamentario do PSdeG acompaña aos deputados e deputadas socialistas da Deputación de Ourense no inicio da súa peregrinación a Madrid para reclamar un reparto xusto de fondos públicos dende o ente provincial dirixido polo PP

AVANTAR ACTIVIDADES

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, acompañou hoxe ás deputadas e deputados socialistas da Deputación de Ourense nun tramo do inicio da súa peregrinación a Madrid para reclamar un reparto xusto dos fondos públicos por parte do organismo provincial.

“É intolerable a falla de rendición de contas, o reparto discriminatorio de cartos públicos aos concellos e a opacidade que ten instaurada Baltar dende a Deputación de Ourense”, criticou o dirixente socialista, xa que “isto implica unha discriminación non só aos concellos, senón tamén ás cidadás e cidadáns da provincia de Ourense”.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero lembrou os informes “demoledores” que xa publicara o Consello de Contas, no mes de maio deste ano, que sinalaban que o 84% das subvencións do ente provincial foron concedidas nominativamente, o 80% das contratacións fíxoas a través de adxudicacións directas sen publicidade nin concorrencia competitiva e, ademais, o 70% da contratación concentrouse en tan só cinco adxudicatarias.

Ademais, o texto incidía en que a conta xeral da Deputación de Ourense correspondente ao ano 2018 “ten defectos que impiden considerala como rendida”, subliñou o voceiro socialista.

Neste sentido, Gonzalo Caballero sinalou a Feijóo como o “principal culpable de manter a dinastía Baltar no ente provincial”. “Non podemos consentir que o PP continúe coa senda caciquil na provincia de Ourense”, concluíu Gonzalo Caballero.