Marina Ortega do grupo socialista urxe á Xunta a “escoitar aos profesionais e resolver o caos” do hospital de Ourense

O grupo socialista urxe á xunta a “escoitar aos profesionais” e tomar “medidas directas para resolver o caos” do hospital de Ourense

Marina Ortega sinala ao goberno galego que “utilicen de xeito intelixente” os orzamentos dos que “presumen” para “adaptalos ás necesidades da cidadanía”

AVANTAR ACTIVIDADES

A parlamentaria socialista Marina Ortega esixiulle hoxe á Xunta “medidas directas para resolver o caos” do Hospital de Ourense. A responsable socialista presentou unha iniciativa parlamentaria na Comisión de Sanidade coas demandas sinaladas polo persoal do centro, que apuntan a graves déficits de recursos materiais e humanos e o peche de camas que deterioran a atención á cidadanía, pero que o PP rexeitou.

Ortega emprazou ao goberno galego a empregar “de xeito intelixente” o aumento orzamentario do que “presumen” e cando “temos máis recursos que nunca e recibimos máis fondos da UE que nunca”. A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego un “informe inmediato” da situación do Hospital que ofreza unha “radiografía exacta para traballar sobre o asunto, saber o que acontece e tomar medidas para garantir a igualdade de oportunidades”.

A parlamentaria socialista reclamoulle á Xunta que escoite as queixas do persoal do centro, que sinalan unha grave precarización da Atención Primaria, que “implica que crónicos en idade avanzada e doentes con patoloxías graves non poidan ser atendidos” e deriven a Urxencias. Como consecuencia, explicou, é que as Urxencias quedan “colapsadas” polo aluvión de pacientes que deben ingresar pero quedan en urxencias “durante horas”.

Os profesionais da sanidade de Ourense, dixo, alertan da volta “a épocas con pacientes de urxencias nos corredoiros”. Ademais, o servizo de Medicina Interna está “mal dimensionado e infradotado”, afrontando “sobreaforos de máis de 80 doentes diarios dende hai meses, con unidades de hospitalización pechadas definitivamente e 22 camas menos dende abril”.

Marina Ortega denunciou “recortes nas especialidades e tamén carencias importantes na sanidade da provincia, como a carencia da UVI Móbil para o Hospital de Valdeorras” ou “listas de agarda inasumibles, como o caso de Traumatoloxía”. Naquel servizo veñen de citar a unha muller de máis de 90 anos para quitar unha escaiola no ano 2022”, nun caso “surrealista, que semella un mal chiste”.