O Irixo súmase á campaña de sensibilización sobre a salvagarda dos topónimos

Xulio Dobarro Ferradás.  Profesor xubilado e veciño do Irixo


 O cartel co que encetamos esta crónica é unha invitación  para sabermos onde, quen e  como se veñen organizando estas campañas de sensibilización sobre a recollida dos topónimos en diferentes concellos de Galicia, en tanto en canto os nomes propios das parroquias, lugares, leiras, prados, montes, regatos … forman parte do noso patrimonio inmaterial, tal e como foi recoñecida esta dimensión pola UNESCO e as administracións públicas de orde inferior nos respectivos niveis de xestión estatal, autonómica e, que o sexa tamén, no local.

AVANTAR ACTIVIDADES

 Nesta ocasión é o concello do Irixo o que se suma a esta iniciativa que promove a Xunta de Galicia en colaboración con diferentes organismos e, de maneira destacada, coa Real Academia Galega, cuxo Seminario de Onomástica vén sendo o que dá a última palabra sobre a decisión ou a oportunidade de fixar o resultado dun nome de lugar; entendendo este termo,“lugar”, como sinónimo de sitio, pero tamén como “núcleo de poboación” . Desta maneira,rexeito o de “aldea” por ter tradicionalmente connotación negativa e, porque, entre os veciños, adóitase empregar construcións do tipo “na cima do lugar, no fondo do lugar…”.

 Seguramente que para calquera lector non moi avezado en cuestións realtivas ao estudo da Lingua,-a quen me dirixo preferentemente e entre os que me inclúo- lles resultará familiar a palabra “ONOMÁSTICA” cando alguén nos advirte que “vai celebrar a súa nomástica”, é dicir, que vén sendo o día do seu santo ou algo excepcional relacionado co seu “NOME”. Pois ben, para os especialistas, a ONOMÁSTICA é a disciplina que dentro do ámbito da Lexicografía (vocabulario) se ocupa do estudo dos nomes propios, tanto de persoa (Nome de pía, apelido, alcume), como dos de lugar (topónimos que, digamos desde un punto de vista “didáctico”, se veñen clasificando en TOPONIMIA MAIOR e TOPONIMIA MENOR, é dicir, por un lado, os nomes propios dun Estado,provincia, comunidade autónoma,cidade, concello, parroquia, lugar e, por outro, os nomes propios relativos á identificación de ríos, montes, terras de cultivo, etc. ou tamén chamados MICROTOPÓNIMOS.

  Os últimos cincuenta anos teñen sido para a Lingua Galega en xeral, e para a toponimia en particular, dunha importancia vital para a sobrevivencia do idioma galego.Con respecto aos nomes de cidades e vilas aínda veñen á nosa lembranza os nomes dalgunhas delas que foron obxecto de polémica: La Coruña-A Coruña; A Puebla de ….-A Pobra de…..A Póvoa de Trives, Brollón, Caramiñal; Carballino -O Carballiño; Punteareas- Ponteareas; Santa Uxía de Riveira- Santa Uxía de Ribeira; e, como non as maís próximas a nós: Irijo- O Irixo; Puente Irijo- A Ponte O Irixo; Las Lajas- As Laxas e así, unha longa listaxe que, aínda na actualidade, están lonxe de normativizarse e normalizarse, ou senón non hai que pararse máis  que un momento na sinaléctica das estradas para seguirmos sendo testemuñas de duplicidades que,segundo un organismo promotor ou outro, nos ofrece resultados diverxentes: Concieiro- Coucieiro, O Coucieiro; Nogueiroa- Nogueiroá; Qinteiro -O Quinteiro; Irixo de Arriba -O Irixo de Arriba (Irixe?); A Esfarrapa -A Alfarrapa…

  Que vai ser do Abanico ou  A Estación; forman núcleos novos de poboación siingular ou seguen pertencendo á Esfarrapa ou á Lama? E así outros moitos casos que deberían ser resoltos coa maior urxencia posible, denantes que o esquecemento conduza a solucións inapropiadas por desleixo ou deturpación.

 Ten sentido seguir mantendo no Nomenclátor denominacións do estilo “Irixo de Arriba (por Irixe)-O Irixo (A Ponte- As Laxas)[1]; Outeiro de Arriba e de Abaixo e se ignora “O Carballal” e outros que xa nin constan (Couso de Cangues), O Campo dos Carros (Froufe), A Covela (Froufe), ben sexa por descoñecemento ou de xeito premeditado?

A Ponte, parroquia do Campo, sede da Casa consistorial, non deber suplantada por O Irixo

É verdade que, se ben algúns xa forman parte da Galicia baleirada en sentido literal  (A Alén e A Guixavara de Froufe; O Foxo e As Cales de Cusanca, Ferradás de Reádigos, etc.), quizais debería arbitrarse algún modelo de rexistro por parte do IGNE e o INE para estes casos que de non producirse  un milagre fan pensar na extinción física e documental[2] .


( 1 ) O DOG nº 169 de 29 de agosto de 1996 polo que se aproba o Nomenclátor para a provincia de Ourense establece que “A capital do concello ,denominada O Irixo, está formada polos lugares chamados A Ponte e As Laxas”. Esta redacción creo que está inducindo a unha interpretación trabucada con respecto aos dous núcleos que, na práctica, se están ignorando en favor do nome do concello, O Irixo, e en detrimento do de A Ponte e As Laxas.

( 2 ) A resolución do 1 de abril de 1997, da Presidencia do I. Nacional de Estadística e da Dirección Xeral de Cooperación Territorial (BOE de 11 de abril)dita as instrucións que deben ter presentes os concellos para a revisión e actualización das unidades poboacionais,realizando sobre o terreo as comprobacións que sexan precisas a efectos de Altas, Baixas e Modificacións con respecto aos cambios de nome das entidades ou núcleos de poboación.


 Nestes días de outono, e tendo como promotor o grupo municipal do BNG do concello de Cangas, saltou á actualidade a proposta  de prescindir do nome da advocación ou patrón que acompaña o nome das parroquias, é dicir, se onde consta actualmente como San Cosme de Cusanca, podería simplemente denominarse como Cusanca. Pois ben, os expertos na materia (Gonzalo Navaza e Antón Santamarina)[3]  consideran que, segundo o caso, hai algúns topónimos dos que é inseparable a advocación do santo/-a, por exemplo, “Santiago de Compostela”, e outros, nos que non forma parte do topónimo, como podería ser o caso de Cusanca e a totalidade dos das parroquias do Irixo, non habería motivo para non simplificalos porque “es una información adicional y no afecta al topónimo para nada” como é o caso de : O Campo, Cangues, A Cidá,Corneda, Dadín, A Espiñeira, Froufe, Loureiro, Parada de Labiote, Reádigos, O Regueiro.


tulo que informa da existencia dun lugar (Por que non a forma popular Irixe)coa corespondente referencia ao concello e parroquia

 A rotulación en canto aos lugares presenta algunha que outra lagoa que é, na maior parte dos casos froito da improvisación e falta de rigor por parte da administración local e supón un menosprezo ás persoas que naceron ou viven neses lugares,ademais do incumprimento da lei de Normalización Lingüística en vigor desde o ano 1983.Polo tanto, vai sendo horas de que, polo menos, os topónimos das parroquias e dos lugares se fixen con criterios científicos e sociais e, deste xeito, evitaremos convertérmonos en cómplices lingüicidas da lingua en xeral e da toponimia en particular.

 Polo tanto é preciso poñer en valor a importancia que ten para os concellos o poder contar cun recurso tan importante como é a fixación dos topónimos maiores e menores para que as diferentes administracións (estatal, autonómica e comarcal) saiban en todo momento responder con precisión e sen ambigüidades ao que lles demanda a cidadanía.

 Neste sentido recollo uns fragmentos de Vicente Feijoo Ares [4] , quen, despois de numerar as  prestacións para as diferentes consellerías da Xunta de Galicia ao contaren con ese recurso engade : “A toponimia galega é un tesouro cultural porque xera coñecemento, a través dela descubrimos a historia da terra que nos viu nacer e a dos nosos antepasados, esperta a curiosidade e as emocións das persoas dentro e fóra de Galicia, fainos únicos no mundo pola cantidade, variedade  e antigüidade, e promove, dinamiza e moderniza a lingua que nos identifica como pobo.

  Hoxe en día, a mellor maneira de salvagardala e difundila é a través dos sistemas de información xeográfica. Cómpre rexistrala canto antes, porque desaparece, pero non de calquera maneira. Para que chegue a todo o mundo debe estar xeorreferenciada e normalizada segundo uns estándares que esixe a Comunidade Europea”.


( 3 ) La Voz de Galicia, 22 de set. de 2021

( 4 ) Estudos de Onomástica Galega.Microtoponimia. RAG, A Coruña, 2016.


 Ao obxecto de facer fronte a ese suicidio colectivo dos topónimos, e tendo en conta as observacións doutras persoas que se levan interesado por esta circunstancia,Iván Sestay Martínez, nun dos traballos de recollida dos microtopónimos na contorna da cidade de Vigo, establece unha clasificación daqueles en tres categorías: toponimia vital, morrediza e fósil, o que vén a ser, máis ou menos equivalente, respectivamente, a cotiá/viva, entre a vida e a morte e a desaparecida do uso cotián, nin sequera lembrada.Evitemos a última posibilidade.


A denomincaión San Cosme (*Corme,variante local con rotacismo), haxiotopónimo, está moi estendida, en competencia co topónimo Cusanca, quizais pola existencia dun lugar-núcleo de poboación, con este mesmo nome.É, de entre as doce parroquias, a que conta cun maior número de lugares (25), aínda que algúns deles xa deshabitados.

MICROTOPONIMIA, MINIFUNDISMO E MOTIVACIÓN 

 Teño para min que, a causa principal da riqueza dese tesouro cultural que son os microtopónimos, está directamente relacionada co sistema de propiedade da terra, o minifundismo, que debe ser a única riqueza que este nos legou, xunta á diversidade de cultivos, orografía, etc.

 Esta característica é especialmente observable naquelas parroquias ou concellos nos que a concentración parcelaria aínda hoxe en día é unha, de entre outras moitas, a asignatura pendente por excelencia.É o caso do concello do Irixo, no que non non hai unha soa hectárea concentrada.

 Sobre a toponimia maior relativa a concellos,parroquias e núcleos de poboación, no Nomenclátor Galego de 2003, entre os 314 concellos,as 3372 parroquias e os núcleos de poboación suman un total de 41.409 topónimos.

 “Se falamos da toponimia menor ou microtoponimia o número elévase de maneira exponencial, pois calculamos que se poden chegar a rexistrar arredor de 2 millóns de topónimos” (Vicente Feijoo”).

 Con respecto ao concello do Irixo, e nesa presunta pero moi sospeitosa relación directa entre toponimia e minifundismo, que se pode agardar senón, con 104009 referencias catastrais, onde unha das máis pequenas desas propiedades privadas anda sobre os 5 metros cadrados e as maís grandes, xusto no límite leste e nordeste, Couso (Cangues) e O Conde (Cusanca), con aproximadamente 22 hectáreas e 18, respectivamente, son unha clamorosa excepción, ás que se poderían engadir algunhas propiedade da igrexa ou algunha casa Grande -Dadín, A Ponte-,pero que, en todo caso, estas últimas son a excepción, e que nos últimos tempos se foron fragmentando.

 Un caso á parte constitúeno os montes veciñais en man común que, ou ben son propiedade individualizada dun lugar, ou compartida, en cuxo caso as superficies non son para nada comparables coa propiedade privada, aínda que esta sexa a monte. Por exemplo, o Catastro denomina o monte da Fenteira como Monte veciñal en man común de varios lugares da parroquia do Campo cunha superficie de aproximadamente 350 hectáreas, cifra inimaxinable para calquera dos nacidos na contorna se pensamos en termos de propiedade de cultivo, a leira, horta ou prado.

 Se establecemos unha relación entre esas 104009 refererencias catastrais e unha media de 20 referencias por microtopónimo estariamos falando de aproximadamente 5200 microtopónimos diferentes no concello do Irixo, que con esta mesma proporción para os 313 concellos de Galicia nos aproxima a eses 2 millóns de topónimos aos que vimos de referirnos.

 En días pasados, o profesor da Universidade de Vigo e investigador especialista en cuestións de toponimia, Gonzalo Navaza Blanco (Lalín, 1957), que vén de ser nomeado membro da Real Academia Galega, nunhas declaracións ao xornal Faro de Vigo (26/10/2021), sorprendeunos con esta declaración que vén a destacar o que vimos expoñendo con anterioridade: “Igual non hai outro sitio no planeta con tanta variedade en toponimia como Galicia”. O que dito por unha persoa como el, desde hai tempo vencellado ao Seminario de Onomástica da Academia, non deixa lugar a dúbidas.


Relación entre minifundismo e microtopónimos no lugar de Saavedra-Dadín

  Con respecto ao estudo dos topónimos e partindo da base de que detrás de cada un hai unha motivación, os traballos de investigación neste ámbito, teñen procurado unha clasificación daqueles en función de motivacións moi diversas que están nas orixes de todos eles.

 E así, ímonos achegando á simboloxía que acompaña á aplicación Galicia Nomeada (Toponimia colaborativa), que na páxina de inicio se nos informa que “é unha plataforma colaborativa para a recolleita xeorreferenciada e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela.Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares,asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes,centros de ensino, confrarías,entidades públicas e privadas…), desde un PC, tableta ou smarphone conectado a internet, poidan achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello,segundo unha metodoloxía predefinida).(galicianomeada.xunta.gal).

 “As diferentes cores e símbolos das iconas que acompañan aos topónimos indican a súa clasificación xeográfica (entidades humanas, accidentes terrestres, accidentes costeiros, augas , terras e vías”.

 Como diciamos,con anteririoridade a esta aplicación téñense feito outras clasificacións dos topónimos en base a criterios como os cultivos, a flora, a fauna, a orografía, tipo de construcións, ubicacións, etc. ou o que vén a ser a motivación á que obedece cada un dos topónimos e ata onde poden ser interpretados, porque non en todos os casos vai ser posible, polo que, fronte a aqueles que se consideran transparentes, ben sexa porque as súa orixes están claras na lingua da que proceden ou ben o obxecto ou realidade nomeada é evidente, atopamos outros clasificados como opacos.Estes, en moitas ocasións son dubidosos, tanto pola orixe ou lingua da que proceden como a motivación á que responden. Así, non é arriscado afirmar que o topónimo A Ponte e os seus compostos, Pontevedra, Pontenova,son de orixe latina e de significado relativo ao que hoxe entendemos por esa construción, polo tanto clasificarémolo como transparente, mentres que outros resultan máis dubidosos en canto a significado e orixe, poñamos por caso, Subirol, Cusanca…

En relación con esta clasificación dos microtopónimos segundo a motivación, recóllese de seguido unha mostra documentada do Catastro de Ensenada (1753) e que perduran na actualidade na contorna de Saavedra e, de xeito semellante, en calquera outro lugar das parroquias:

Oronimos/Constitución do terreo: O Cotiño, O Areado, O Saltadoiro,  A Freixa, O Val, A Facha, O Alargo, O Torroedo, A Chaira, A Rega do Val…

Litotopónimos: A Pedreira, A Coiñeira, A Pedra Longa, O Penediño, A Pena, Os Penedos Bastos,As Penas do Uzal, As Laxas

Hidrotopónimos: A Insua, A Puza, Os Caneiros, A Regueira, A Grotiña, A Braña, O Pío, Río Grande (Viñao), A Porta da Fonte, Lameiriño, Surrego, A Veria, Os Agüeiros, O Lavadoiro.

Fitotopónimos: O Espiño, O Freixeiro, O Sanguñedo, A Bugalleira, O Pireiro, A Horta de Juane, Os Liñares, O Carballo, A Pireira, A Nabeira, A Nogueira, As Touzas, O Bosque, O Souto, Soutolongo, A Carrasqueira, As Cerdeiriñas,

Zootopónimos: Os Teixugos, As Raposeiras, As Colmeas, Os Prados do Gando, A Fonte do Gato…

Ergo/cromotopónimos/propiciatorios: A Chavelliña, Valboa, A Chave, A Grande, As Longas,  A Brañiña, A Revolta Vella,As Chousiñas, O Rodelo, A Pedralonga,O Ballote,

Situacionais: Surrego, Sobre da Regueira, Detrás do Muiño, A Porta da Fonte, Suascerdeiriñas, Tras do Coto, Suascasas, Suatulla, Detrásderriba, Supazo, Suaseiras, Suacongostra, Sobredorrego, Cima da Devesa, Detrásdapena, Chousadedetrás, Sobredafonte, A Nabeira do Porto, Prados daquela mao,Suasmaceiras, Sobre das Longas,Cabo do Val…

Haxiotopónimos: A Cruz, A Grixoa, A Cruz do Combate, A Capilla, O Igrexario,

Etnotopónimos/Ecotopónimos:Heredad Grande, A Condomiña, Porta de Juana, Prado dos Condes,

A Seara, O Agro da Bugalleira, A Vesada, Os Nabás,O Tarreíño, A Erma…

Nomes de vías de comunicación: Nabeira da Congostra, A Congostra Vella, O Saltadoito, O Porto, O Pontillón, A Puntiña, A Porteliña,

Nomes de asentamentos humanos: O Castro, O Pico do Castro, A Casiña,

Nomes de construcións singulares: A Torre, O Polvorín, O Pazo, O Castro da Seara, O Forno Vello,O Muíño Vello, A Presa Vella,  Chousa das Antas.

Relación dalgúns topónimos, que no apeo do Partido de Saavedra-Dadín de 1747 presentan o resultado do momento (Isidre-Sidre ) e outros que debían ser o espello como  solución correcta para o galego actual: O Areado, O Cabrón, O Espiño, A Seara, O Enfreado, A Bugalleira, A Lama.

ALGÚNS VOCÁBULOS CONSERVADOS NA TOPONIMIA, EN RETROCESO  NO GALEGO COMÚN:

Grova/s: Depresión no terreo

Ribada/ArribadóN: Ribazo, cumareiro

Revolta: Terreo de monte decruado para cultivo do centeo, preferentemente.

Barcelán (Bárcena):Terreo inundable (barcia)

Pardiñeiro: Construción arruinada.

Canda/-edo: Fruncia, garabullo.

Froia: Foxo onde se queima e prepara a leña par obter carbón vexetal.

Brexo: Terreo húmido e ermo.

Feal: colectivo de feo (xunco). Castelán: heno

Bruñedo (Bruño): Ameixa brava.

Batoca (Batoquueiras): Terreo húmido.Pateira.

Tarabela/Trastarabela: Dispositivo que fai randear a moega do muíño.

Torroedo/Torrueiro: Desnivel no terreo.

Corgo/a: Pozo para o liño. Congostra.Cascada.

Requeixo: Aba dun monte cara ao val.

Grota: Gorgullón. Resto da crecida nas marxes do río.

Burgueira: Restos da mes queimados.

Arca/Arcada: Lugar de interese para sacrificio ou rituais paganos.

Torna/Tornadoiro: Punto no que se desvía unha canle de auga.

Sebe: Valado vexetal, seto.

Orxo: Cereal.

Reboredo: Carballeira.

Torguedo: Sitio de torgos/uces.

Espe (i) rón: Pedra de afiar.

Cadabullo: Terreo arado ao revés, ao través. Parte reducida que queda nos extremos da arada(En sentido figurado: “Estar no cadabullo = de idade vanzada).

Adibal: Corda grosa para atar a carga do carro.

Picota/Forca: Cima dun monte ou forca onde se expoñían os axustizados.

Baiuca: Taberna popular.

Buzagueira: Onde habita o buzaco, ave de rapina.

Antas (s):Lousa que cobre un dolmen ou arca. 

 Hai outros moitos exemplos de palabras do galego común  que se repiten na microtoponimia dos lugares segundo o terreo, o tipo de cultivo,vexetación, algunha construción,etc. Este é o caso de: veiga, nabeira, val, lameiro, horta, porral, palleiro, pombal, bulleiro, barreiro, pedroso, insua, brexo, fervenza, abelera, viubeira, xesteira, teixugos, raposeiras, su-a-casa, su-a-tulla, Tras da Costa, Cabo de …, daquela mao, igresario, cruz, estivadón, porto, portela, puntillón, carril, fonte do ouro, chavelliña, castro, eira, mámoa…

RELACIÓN ENTRE APELIDOS E TOPÓNIMOS

 Pódese afirmar que entre estas dúas categorías de nomes  propios, apelidos e topónimos, se dá unha relación estreita e de influencia mutua, aínda que sexan os topónimos os que sexan máis rendibles en canto a dotar aos apelidos de máis referencias. A razón é abondo sinxela e ten que ver coa falta de tradición escrita e de carencia de transmisión formal na identidade das persoas, cuxa solución pasaba por atribuírlles nalgúns casos como apelido o nome do lugar de nacemento ou vecindade.

Con respecto á importancia dos apelidos, X. L. Méndez Ferrín ten adicado palabras dun significado transcendente cando suliña que “Os apelidos proceden do fondo da Historia e véñennos impostos, xa non polos nosos pais senón polos polos pais e polos pais destes…

 Os apelidos fálannos desde moito máis lonxe que os nomes de pía, lévannos ás raiceiras da nosa nación e da nosa cultura. Ás veces, os nosos apelidos sitúannos en espazos e lugares prehistóricos e poucos saberían descifrar os seus escuros significados orixinais”.

 Visto o anterior, non temos máis que reafirmarnos na opinión expresada polo autor ourensao e nada mellor que velo reflectido na documentación conservada, por exemplo nesa especia de censo ou catastro como foi o da Ensenada ou nas inscricións mortuorias que identifican aos defuntos nos cemiterios das doce parroquias.

Panteón familiar na Cidá, cun apelido común, Reinoso, e os outros de orixe toponímica: Valdesoiro, Covela, Subirol.

A todos estes exemplos que ilustran a relación entre apelidos e topónimos, que desde antigo se mantén na liña sucesoria de cada familia, aínda poderiamos engadir outros exemplos da toponimia do Irixo que corroboran esta realidade cos casos de apelidos máis comúns:Silvares, Cerdeira, Ferradás, Prexigueiro, Ermida, Lama, Vila, Nabás, Castro, Pedrouzo, Seara, Carballeda, Munín, Alén, Alemparte, Ramil, Rúa, Loureiro, Reádigos, Regueiro.

Parágrafo do Catastro de Ensenada (1753) relativo á profesión de Ferreiro na parroquia do Campo,onde podemos ler, por un lado, unha das variantes empregadas para “A Ponte” como “Puente Hirixo” e a outra, “Yrijo de arriva” polo actual, “Irixo de Arriba” (Irixe); ademais dos apelidos, “Marnotes” e “Des”, vixentes na actualidade.

 Como conclusión a todo o anterior e en agradecemento ás institucións e persoas responsables da campaña TOPONIMÍZATE ! por teren contado co concello do Irixo para este labor fundamental de recollida da toponimia como compoñente fundamental do patrimonio cultural,que esmorece día a día, só nos queda animarte encarecidamente a coñecer a aplicación informática que che servirá como soporte para esa inmersión e coñecemento dos nomes da contorna. O labor xa está iniciado, imos polos 800 topónimos dentro do concello, e segundo os organizadores: “A aplicación colaborativa para a recolleita é moi sinxela, apta par todas as idades, é moi interesante para usala como ferramenta didáctica nos centros de ensino da contorna para que os rapaces aprendan a historia do concello a través dos seus nomes do lugar e para que fagan un traballo interxeracional e integrador cos seus familiares e veciños”.

 Desde estas liñas, e como un elemento fundamental de superación dalgunhas eivas no ámbito da Normalización, e, en particular a dos topónimos deturpados, acollemos con esperanza a campaña-manifesto que o pasado 21 de outubro, coincidindo co 101 aniversario da publicación do primeiro número da Revista Nós,vén de presentarse na casa do concello do Irixo por parte do Presidente da Deputación provincial de Ourense e o Grupo de Goberno “a prol dun maior pulo normalizador e de uso da lingua propia de Galicia do Goberno provincial de Ourense”.

 Beizón.Que así sexa!

Xulio Dobarro Ferradás. O Irixo, 5 de novembro de 2021.



Outros artigos de Xulio Dobarro

Xulio Dobarro fai a crónica da andaina solidaria “Camiña pola Igualdade” que tivo lugar este sábado no Irixo

O Irixo: andaina :”Camiña pola Igualdade”. roteiro: “O Campo Grande”

Jesús González González (Saavedra-O Irixo,1917; Señorín-O Carballiño,1996).Mestre Canteiro-Escultor

O Irixo: Saavedra de Dadín Introito ” Entre Maus”

O Irixo: alcaldes en democracia (1979-2021)

O Irixo: A feira do Tellado. Unha feira

O Irixo: Ramo lírico ( III )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( II )

O Irixo: Ramo lírico para as doce parroquias ( I )

O Irixo – San Pedro de Dadín: Romaría da Pena da Sela

O Irixo: parroquia a parroquia (XII): O Regueiro

O Irixo: parroquia a parroquia (XI): Reádigos

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (II)

O Irixo.Patrimonio Escolar: da primeira escola do concello, na Lama, ao grupo escolar da Ponte (I)

O Irixo: Parroquia a Parroquia (X): Parada de Labiote

O Irixo: Parroquia a Parroquia (IX): Loureiro.

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VIII): Froufe. Do Solleiro Subirol ao Avesío Cebral

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VII) (A Espiñeira ): ”Na Estrema”

O Irixo: Parroquia a Parroquia (VI)(Dadín): ”Entre Vías”

O Irixo. Parroquia a Parroquia (V) : Cusanca, Terra de fronteira

O Irixo. Parroquia a Parroquia(IV): Corneda

O Irixo. Parroquia a Parroquia(III): A CIDÁ

O Irixo. Parroquia a Parroquia(ii): Cangues

O Irixo. Parroquia a Parroquia(i): O Campo

O Carballiño-O Irixo ou “Camiño Nós” “no camiño de San-Yago”: presentación e segunda etapa

Na chegada ao Irixo da primeira locomotora .ano 1958

Inauguración da liña do ferrocarril O Carballiño-O Irixo-Santiago

Sobre apelidos e topónimos no concello do Irixo

Microtoponimia ou nomes dalgúns eidos na parroquia de Dadín (O Irixo)

Proposta de normalización da toponimia das parroquias e lugares do Irixo

De Santo Estevo de Ribas de Sil con Emilio Duro Peña a María Oruña con o “Souto dos catro ventos”.


VIDEO SPOT O IRIXO en BADAL TV