O importante é a pasta

Manuel Herminio Iglesias


Cando percibes que todo camiña cara abaixo; cando ves que ano tras ano imos perdendo servizos, pechando negocios e ves que os que mandan soamente lle preocupa facer caixa, non vale calarse e agochar a cabeza  por mor de recibir un favor ou  unha subvención.  Ourense concello e provincia caen en picado e parece que hai algunhas persoas que sempre estiveron a defender as causas da veciñanza,   agora din que non vai  a manifestación do 18 N contra o desleixo que vive o noso concello e por extensión contra un  alcalde e os que o manteñen no poder tragando día a día sapos  pola  súa diarrea verbal e polo súa arbitrariedade e mal facer.

AVANTAR ACTIVIDADES

O pleno último no que Jácome seguiu mantendo que lle aprobaran a norma que lle permitira cobrar 2000 e pico euros  para o seu “chiringuito” partidario,  e a forma de actuar contra a oposición retirándolle os asesores ós grupos deixou ben as claras que, o que lle  importa é a pasta pra manter vivo un medio televisivo  que só está ó servizo dun persoeiro sen escrúpulos políticos e carente de ética.

Da moita pena  ver que os representantes públicos perden o tempo falando de asuntos alleos ó interese xeral. Como se na cidade  non houbese problemas moi importantes que tratar. Pena dos que sosteñen un goberno a sabendas de que neste mandato non se vai facer nada de proveito pra esta cidade do interior galego. Mellor estase a desfacer o que funcionaba medianamente ben.   Que somos o faime rir do resto de Galicia,  pois ninguén o dubida. Que aparecemos como paiolos cando  votamos  opcións que medraron coa  mentira e a calumnia e que non soubemos frear no seu día esa deriva,  tamén. Que dá a sensación de que Ourense non ten remedio, pois  xa hai moitos que  moitos  o pensan e que o asumen como se fora unha maldición.  Mais se seguimos así, ríndonos no bar; falando e dicindo pestes na conversa particular, ou criticando na partida de cartas   e  nas reunións  familiares nada arranxaremos. E que saiban os lectores que non é un meigallo o que nos caeu enriba. Non. É a nosa mansedume e o noso conformismo o que nos levou a situación actual; é  a nosa pasividade a que está levando a  esta cidade e á provincia cara un punto de moi difícil retorno. É foi  tamén o noso pasividade o que permitiu que picáramos no que dicía un predicador; mellor un falabarato. En fin, e agora que?  Pois agora soamente nos queda amosar o noso desacordo na rúa, pois a situación  á que nos levou o noso desleixo  e o despiste de milleiros de ourensás, trouxo esta outra pandemia. E situou na alcaldía a un rapaz que xoga co mando como si se estivera divertindo. Lembro a cantiga de Serrat: “Nene deja de joder con la pelota… Nene eso no se dice, eso no se hace y eso no se toca.” Claro que o concello non é unha pelota é algo moito máis  serio. Mais o neno non  deixa de xogar con el como se fora o xoguete do seu capricho.

Non sei si estamos a tempo de saír desta;  mais debemos tentalo con todas as nosas forzas. Debemos, ó igual que hai moitos anos, Ourense saíu á rúa reclamando o Campus Universitario, ou contra aquela celulosa que querían meternos preto  da cidade, volver á rúa a berrar con forza e dicir que  non podemos seguir nesta crítica situación.  Por iso,  temos que puxar pra que Ourense  mude e todos nos sintamos orgullosos de ter unhas institucións públicas que estean ó servizo real da xente, e nas que se remate co caciquismo que a día de hoxe existe. En fin,  de nós depende pra  que Ourense  supere esta etapa tan escura da súa historia. 


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

Sos Ourense!!!

Ourense cara un ermo cultural

Vandalismo, botellóns e desleixo

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas