Vender Galicia como un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo activo e contribuír á desestacionalización do turismo na nosa comunidade achegando visitantes de proximidade a Galicia a través do deporte. Estes son os obxectivos da cuarta edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará en Expourense os días 19 e 20 de novembro e que tamén servirá para visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubes deportivos da comunidade.
Sportur Galicia será ademais o lugar elixido para a entrega de dorsais do II Trail Nocturna Ourense que se celebra precisamente este sábado 20 de novembro. Esta cuarta edición de Sportur Galicia foi presentada esta mañá en Expourense nun acto no que participou o xefe de Deportes da Delegación territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pérez; o asesor en Políticas Deportivas da Deputación Provincial de Ourense, Bernardino González; o concelleiro de Deportes do Concello de Ourense, Mario Guede, e o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
As federacións e asociacións e clubes deportivos presentes en Sportur Galicia realizarán tamén distintas actividades. O programa completo con día e hora pode consultarse na web do evento, www.sporturgalicia.com. Os deportes que estarán representados nesta cita son: o atletismo, hockey, ciclismo ou xadrez.
Haberá tamén actividades permanentes que converterán a Sportur nunha boa opción para as familias con opción como as prácticas no simulador de tiro da Federación Galega de Caza; practicar remo indoor no stand do INORDE ou as medicións de glucosa en sangue, A estas hai que engadir as que promoverá a Concellería de Xuventude de Ourense no seu stand.
A entrada a Sportur Galicia é gratuíta. As novidades desta cita poden seguirse a través da súa web www.sporturgalicia.com ou dos perfís en Facebook e Twitter. O horario de feira será o venres 19: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e o sábado 20 de novembro de 10.30 a 14.30 e de 16.00 a 20.00 h.