O Bng denuncia o pavimentado de zona verde por parte do Concello de Ribadavia

Esiximos a reposición da zona afectada ao seu estado anterior como parte do parque público da Veronza.

Este luns 15 de novembro puidemos constatar como na rúa Veronza, á altura do Punto de Atención Continuada (PAC) de Ribadavia e concretamente na marxe que linda co parque público se procedeu a retranquear a zona verde para ampliar o espazo asfaltado nesa marxe da rúa.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non estamos dacordo con este pavimentado detrás do ambulatorio a custa do parque da Veronza e esperamos que o goberno municipal repoña a situación previa.

Ante os problemas de tráfico, a zona próxima ao PAC debería estar mellor sinalizada, reservando polas mañás espazo de aparcadoiro ás persoas con cita médica e especialmente ás persoas discapacitadas. Pero na rúa Carballiño a cen metros do PAC hai un aparcadoiro público e gratuito e máis prazas libres de estacionamento ao longo da zona recreativa da Veronza.

O BNG non ten coñecemento de que por parte do goberno municipal se deran a coñecer estes traballos de xeito público, polo que imos demandar todo documento xenerado no concello de Ribadavia en relación con esta actuación: proxecto de obra, aprobación en xunta de goberno, solicitude de permiso ante a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, ademais de que se paralice esta obra e se repoña a situación anterior.