Índices de Incidencia de Accidentes Laborais
Roberto Garrido, responsable provincial da secretaría de saúde laboral da Federación de
Industria de CCOO de Ourense, sinala con alta preocupación a negatividade dos derradeiros datos oficiais de accidentes laborais mortais: “nos últimos datos oficiais, Ourense ten o segundo peor índice provincial de incidencia de accidentes de traballo mortais de todo o estado con un 0´718, mentres no conxunto de España é dun 0´278 e no conxunto de Galicia un 0,469”
Destaca o portavoz de prevención de riscos laborais de CCOO que os últimos datos oficiais publicados recentemente polo do Ministerio de Traballo de accidentes de traballo
(xaneiro/setembro de 2021), “a radiografía de situación de sinistralidade laboral é aínda máis preocupante por canto Ourense, co segundo peor índice provincial de incidencia de accidentes de traballo mortais, é a novena con menos persoas afiliadas a seguridade social durante ese mesmo período”
Garrido insiste na negatividade dos datos de sinistralidade laboral da provincia resaltando como especialmente chamativo o feito de que “no índice de accidentes laborais totais -leves, graves e mortais-, a provincia de Ourense ocupa o posto 25 cun índice de 270,1 mentres a media de España é dun 248,6 e a de Galicia un 242,9”
Mutuas e Continxencias: segundo estimación de CCOO, na provincia de Ourense, só
reclaman cambio de continxencias dúas de cada 10 persoas ás que as mutuas non lles
recoñecen accidente laboral Garrido incide en determinadas actuacións dalgunhas mutuas da provincia ante os ACCIDENTES DE TRABALLO e apunta o proceder reiterado dalgunhas entidades: “evitan a cualificación e o recoñecemento inicial de enfermidades profesionais ou accidentes de traballo, fixando unha impropia e xenérica cualificación como enfermidade común. A practica non é habitual na maioría das mutuas, pero sempre hai algunhas que insisten no erro”.
Roberto Garrido manifesta que “ata a chegada da pandemia, a maioría de casos procedentes de queixas ou actuacións irregulares das mutuas que chegaban o gabinete de saúde laboral do sindicato eran basicamente porque algunhas entidades cualificaban como enfermidade común lesións de tipo músculo esqueléticas en costas, xeonllos, ombreiros, cóbados, cadeiras, cervicais, bonecas ou sobre esforzos, lumbalxias, tendinitis, túnel carpiano, etc”.
Garrido destaca que “a todas as persoas accidentadas que se achegaron a CCOO con esa
circunstancia administrativa errónea de cualificación, tramitóuselles a oportuna reclamación de cambio de continxencias, sendo aceptadas nun 80% de casos as peticións de cambio, declarando a Seguridade Social de forma efectiva as correspondentes cualificacións de accidentes de traballo”
Roberto Garrido, responsable do Gabinete de Saúde laboral de CCOO de Ourense, reflexiona sobre a análise de conxunto dos datos de accidentes de traballo na provincia e ironiza que solo caben dúas posibilidades para explicalos: “ou ben nesta provincia somos moi gafes, torpes ou con moi mala sorte no traballo ou tal vez, baixo a denominación de enfermidade común, estase furtando ou agochando un número importante de accidentes de traballo reais”.
Alerta da constatación por parte do sindicato que tras a pandemia, “unha maneira mais de precariedade laboral é a utilización do medo a perder o traballo a consecuencia dun accidente de traballo” e sinala que “si no procedemento desaparecen posibles accidentes de traballo, estes non se investigarán, nin se tomarán as medidas preventivas necesarias para que non volvan acontecer, nin se realizará unha nova avaliación de riscos dos postos afectados para evitar riscos semellantes os que ocasionaron o accidente inexistente”.
Para concluír, Garrido reflexiona que “é importante non esquecer que as mutuas, na súa
definición, están consideradas entidades colaboradoras da seguridade social, polo que as súas intervencións nas cualificacións de continxencia derivadas da sinistralidade laboral deberan ser sempre rigorosas e acorde a situación real derivada da actividade laboral das persoas que atenden” e empraza a autoridade laboral e a patronal provincial para que, en coordenación coas organizacións sindicais, “interveñan con intensidade, determinación e recursos para que afloren tódolos accidentes laborais que se produzan e impulsen tódalas medidas preventivas precisas para reverter estes datos provinciais de sinistralidade e mortalidade que debemos considerar e cualificar de inasumibles”.
Exemplo de caso grave recente Persoa traballadora asistida recentemente por ambulancia do 061 no centro de traballo da factoría de FAURECIA no Polígono, con trasladado a centro asistencial COSAGA e, a mutua ASEPEYO derívao a seguridade social para que
tramite enfermidade común. A lexislación actual vixente RD 8/2015, art.156, especifica claramente o que se considera accidente de traballo, ASEPEYO non o recoñece.
Notas Complementarias
1.- A estatística de accidentes de traballo é sistema oficial de control da información dos incidentes que permite medir e avaliar as tendencias asociadas coa finalidade de reducir os índices de sinistralidade laboral nas empresas
2.- Un índice de incidencia é un indicador concreto que representa o número de accidentes con baixa acaecidos por cada cen mil traballadores expostos o risco. Habitualmente utilizase o índice de incidencia de accidentes de traballo en
xornada de traballo (ATJT) e obtense dividindo o total de accidentes en xornada de traballo con baixa pola media anual dos traballadores afiliados a Seguridade Social naqueles rexímenes que teñen cuberta de forma específica a continxencia
de accidente de traballo e enfermidade profesional.