Os traballos arqueolóxicos da Xunta no Concello de Larouco sacan á luz unha cabana e un depósito votivo

O delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Patricia Lamelas, o xacemento do Castrillón, no concello de Larouco, onde a campaña arqueolóxica impulsada pola Xunta de Galicia en colaboración co Concello no xacemento do Castrillón vén de sacar á luz unha cabana rectangular de aproximadamente 30 metros cadrados e un depósito votivo agochado nunha ola cerámica. Trátase do resultado duns traballos iniciados a comezos deste mes grazas a unha achega de 30.000€ co fin de definir a antigüidade, dimensións e estrutura deste poboado fortificado da Idade do Ferro.

Así, os arqueólogos implicados nesta intervención da Consellería de Cultura, Educación e Universidade centráronse na zona dunha cabana rupestre descuberta o pasado outono, onde localizaron baixo o pavimento dunha vivenda un dos poucos votivos que existen no interior dun castro en Galicia. Este novo achado que pode pertencer a Segunda Idade do Ferro estaba oculto nunha fosa escavada na propia rocha e tapada cunha lousa. Ademais, entre os elementos atopados tamén se localizou unha cabana escavada na propia rocha e de morfoloxía angular, que podería ser datada hai máis de 2.000 anos.

AVANTAR ACTIVIDADES

A actuación desta campaña enmárcase nun convenio de colaboración dotado con 30.000 euros asinado entre o Goberno autonómico e o Concello de Larouco co fin de poñer en valor este lugar e continuar ampliando as investigacións arqueolóxicas e os labores de mellora paisaxística deste espazo.

Estes traballos súmanse aos feitos o pasado ano, cando a Administración autonómica xa realizou unha limpeza deste xacemento co fin de mellorar a caracterización e delimitación dos seus elementos principais centrándose especialmente no seu sistema defensivo.

O xacemento arqueolóxico do Castrillón, na parroquia de Nosa Señora dos Remedios do concello ourensá de Larouco, é un asentamento fortificado da segunda Idade do Ferro que ten a consideración de ben catalogado do patrimonio cultural de Galicia. Ocupa unhas tres hectáreas de superficie sobre o río Bibei cun amplo control visual da contorna e o seu sistema defensivo ven definido polo norte por unha sucesión de catro fosos, seguidos dos seus respectivos contrafosos, escavados na propia rocha, tras dos que está, a unha cota máis alta, a zona ocupacional.