Este sábado ás 12:00 h, será a entrega do Premio Pedra Alta de 2021, que nesta IV edición lle concedeu o Museo da Limia a LIMISI.

Cristina Margusino, Xefa do equipo de Atención Primaria de Xinzo, fará a Laudatio. Araceli Losada Lamas (secretaria da asociación Limisi) e Eulogia Ferreiro López (Presidenta da Asociación Limisi) intervirán en nome de Limisi.

Despois da favorábel acollida das tres entregas anteriores do Premio Pedra Alta (2020 non se celebrou por mor da pandemia), o Museo da Limia presenta a a cuarta edición deste galardón, consistente nunha réplica do menhir situado no corazón da antiga lagoa da Antela, coñecido popularmente como Pedra Alta, creada polo escultor limiao Xosé Lois Carreira. O premiado recibirá tamén un diploma de recoñecemento, deseñado polos arquitectos Manuel Seoane e Lola Peláez. Os tres anteriores, membros tamén do consello asesor do Museo da Limia, aportan as súas colaboración dun xeito totalmente altruísta. Tamén vén colaborando o artesán da Pereira, Dino Coello, artífice da placa que identifica a edición.

AVANTAR ACTIVIDADES

O acto de entrega das distincións, aberto a cantos queiran asistir, será na sede do Museo da Limia e no salón multiusos do concello de Vilar de Santos o vindeiro día 20 de novembro (sábado). A laudatio do premiado correrá a cargo á Xefa do equipo de Atención Primaria de Xinzo Cristina Margusino Framiñán. O acompañamento musical, como nas edicións anteriores, brindaránnolo o pianista Luis Humberto Cao e o tenor Baldemoro Pavón. A celebración concluirá, previo pago, cun expléndido cocido de fraternidade limiá no restaurante Novaíño de Sandiás, que colabora como patrocinador.

O premio Pedra Alta, foille outorgado nesta cuarta edición (2021) á Asociación Limisi.

[A asociación sen ánimo de lucro Limisi, que desenvolve a súa actividade na nosa comarca, está dedicada á atención de persoas con diversidade funcional nos seus domicilios e nos seus lugares de residencia dende o ano 2002. Non só nunca deixou de prestar os servizos que lle son propios senón que foi abrindo progresivamente un amplo abano de referencias e espazos, enfocados a chegar cada día a máis persoas no ámbito ocupacional, na educación e rehabilitación terapéutica, no eido socio-educativo, na información, asesoramento e orientación das familias de persoas con diversidade funcional e mesmo na conformación dun fogar para persoas con discapacidade intelectual.

A día de hoxe excede o cento persoas atendidas, implicando a máis de 600 socios, coa colaboración de voluntarios do Corpo Europeo da Solidariedade, doutros subvencionados pola Xunta e de moitas persoas, dispostas a arrimar o hombro desinteresadamente para axudarlle aos beneficiarios e beneficiarias da entidade a reivindicar os seus dereitos e integrarse plenamente no corpo social do territorio limiao.

.Estas formulacións e tarefas así como o traballo continuo a prol de persoas con capacidade disfuncional na comarca da Limia, a loita incesante por seren autosuficientes e non ter que depender absolutamente das administracións públicas ou das entidades bancarias, o compromiso por conseguir vivir do seu traballo e das achegas  dos socios e dos usuarios, é a razón determinante para que a Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia lle dera firmeza á proposta unánime do Consello Asesor, ao acordar concederlle o PREMIO PEDRA ALTA de 2021, na súa IV edición á asociación LIMISI, no afán de que o seu traballo cale de maneira determinante na sociedade limiá, facéndoa máis solidaria e máis igualitaria, ao tempo que insta ás institucións públicas a prestarlle a atención adecuada e ás entidades privadas e á veciñanza da nosa comarca a que incrementen os esforzos na súa plena integración]

[O consello Asesor do Museo da Limia tamén acordou un recoñecemento especial ao equipo de enfermeiras de atención primaria que levou a cabo a vacinación a domicilio contra a Covid na Limia, polo esforzo adicional engadido ao seu traballo diario, na atención e mellora da saúde das persoas na comarca]

PROGRAMA de actos do 20 de novembro de 2021, con motivo da entrega do Premio Pedra Alta de 2021 á asociación LIMISI.

11:15 horas, visita ao Museo da Limia.

12:00 horas, acto de entrega do premio no salón multiusos da casa do Concello.

– Saúdo do Alcalde de Vilar de Santos e Presidente de Honra.

– Intervención do Presidente do Padroado.

Actuación musical

– Lectura da acta da concesión do Pedra Alta 2021.

– Laudatio a cargo de Cristina Margusino Framiñán, Xefa do equipo de Atención Primaria de Xinzo.

– Entrega do premio.

– Intervención de Araceli Losada Lamas (secretaria da asociación Limisi) e Eulogia Ferreiro López (Presidenta da Asociación Limisi).

Actuación musical

14:30 horas, xantar-cocido «Pedra Alta» no restaurante Novaíño (Novaíño, estrada N-525, entre Sandiás e Piñeira).

BASES DO PREMIO PEDRA ALTA

1º.- O Premio Pedra Alta terá un único galardoado e a súa periodicidade será anual.

2º.- Poderán ser candidatos/as as persoas físicas e xurídicas, asociacións ou institucións vivas, cuxa obra, accións, creacións, achegas garden relacións estreitas ou vaian dirixidas ás Terras do Limia. Tamén poderán ser merecentes do Premio as persoas, asociacións ou institucións vivas moi identificadas co territorio aínda que a súa obra ou actividade se proxecte fóra do mesmo.

3º.- Cada membro do Consello Asesor poderá propor as candidaturas que considere oportunas.

4º.- Correspóndelle ao Consello Asesor debater as propostas recibidas e as que se formulen directamente e elevar á Xunta Directiva un ou varios candidatos.

5º.- Tamén serán consideradas as propostas que cheguen avaladas cando menos por cinco persoas ou por unha asociación ou institución das Terras do Limia.

6º.- Correspóndelle á Xunta Directiva resolver sobre a Proposta do Consello Asesor, concedendo ou deixando deserto o Premio Pedra Alta.

7º.- O Premio Pedra Alta entregarase no mes de novembro e consistirá nunha copia en granito do menhir coñecido co mesmo nome, situado no corazón da Antela que, de xeito altruísta, elaborará o escultor e membro do Consello Asesor, Xosé Lois Carreira, e máis un diploma acreditativo que confeccionarán os tamén membros do citado órgano, Manolo Seoane e Lola Peláez.

8º.- No acto solemne de entrega haberá unha lección maxistral do/a premiado/a, precedida dunha laudatio por parte da persoa que este mesmo decida previamente.