Gabriel Alén subliña que Galicia é un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo

Na inauguración da cuarta edición de ‘Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo’ que se desenvolverá en Expourense os días 19 e 20 de novembro

  • O delegado territorial significou que o turismo activo contribúe á desestacionalización e achega, ao abeiro da natureza, visitantes de proximidade á nosa comunidade a través dos deportes
  • Gabriel Alén explicou que o turismo deportivo ou turismo activo está estreitamente relacionado co turismo rural, xa que pode intervir como xerador de rendas complementarias e estabilizador demográfico no mundo rural
  • O representante do Goberno galego sinalou que o turismo activo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023

AVANTAR ACTIVIDADES

“Galicia é un destino privilexiado, atractivo e seguro para o turismo”; así sentenciou o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, na inauguración da cuarta edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se desenvolverá en Expourense os días 19 e 20 de novembro.

O delegado territorial significou que o turismo activo contribúe á desestacionalización e achega, ao abeiro da natureza, visitantes de proximidade á nosa comunidade a través dos deportes; e na actualidade segundo Gabriel Alén “a fórmula que combina turismo e deporte estase a constituír  como un dos atractivos máis importantes na nova oferta turística, xa que é un mercado en expansión e ofrece grandes beneficios económicos a nivel local, autonómico e nacional”.

Para Gabriel Alén o turismo deportivo ou turismo activo está estreitamente relacionado co turismo rural, xa que pode intervir como xerador de rendas complementarias e estabilizador demográfico no mundo rural e pode acadar un papel destacado no mantemento e a conservación do medio natural en moitos lugares, xa que contribúen e facilitan os intercambios culturais en moitas pequenas poboacións.

O representante do Goberno galego salientou a importancia do patrimonio natural da provincia que permite levar a cabo competicións deportivas do máis alto nivel como as de piragüismo, remo e vela no Parque Náutico de Galicia de Castrelo de Miño; as relacionadas coa neve e alta montaña  en Manzaneda; atletismo en Ourense ou cicloturismo no Xurés e Trevinca.

O delegado territorial explicou que o turismo activo encaixa perfectamente no modelo de turismo seguro, de calidade e sostible polo que aposta a Xunta a través do Plan Galicia Destino Seguro 2021 – 2023. O Goberno galego busca a recuperación da confianza do viaxeiro a través de medidas para incentivar o consumo como a Tarxeta Bono Turístico #QuedamosenGalicia ou o programa Elixe Galicia, que entre ambas inxectarán máis de 10 millóns de euros ao sector turístico, ademais da difusión da mensaxe de que Galicia é un destino seguro.

Salón do Deporte e Turismo Activo

Sportur Galicia 2021 convoca a unha trintena de expositores entre os que se atopan federacións e clubs deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza. Esta cita contará con tres eixos: á área expositiva; a área formativa que inclúe as xornadas técnicas profesionais e a área deportiva. Esta última inclúe campionatos e exhibicións nas que se usará tamén a pista de atletismo cuberta instalada no recinto, unha das mellores de Europa, e que compatibiliza unha vez máis o uso deportivo co uso feiral dentro dun dos eventos organizados por Expourense.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) para que poidan coñecer os servizos, produtos e opcións vencelladas co turismo activo e o deporte que ofrecen os expositores. Tamén se converterá nun bo escaparate para as federacións deportivas que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

Sportur Galicia 2021 está organizado por Expourense co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte e da Axencia de Turismo de Galicia, da Deputación Provincial de Ourense e coa colaboración do Concello de Ourense a través da Concellería de Xuventude. Esta cita celebrarase venres e sábado, o que facilitará ademais a presenza de estudantes de Formación Profesional de Galicia.