Iago Tabarés pregunta no Parlamento polos novos cortes no subministro de auga potábel na Merca

Catros anos despois de que o BNG propuxera ao cambio do punto de captación no Arnoia como posíbel solución técnica ao problema, o goberno local do PP fai súa agora esa medida.

“Ten constancia a Xunta de Galiza das condicións nas que se esta prestando o servizo de abastecemento de auga potable no concello de A Merca?Realizou a Xunta de Galiza algunha actuación de vixilancia sanitaria e de control de calidade da auga de abastecemento domiciliaria no concello de A Merca?”, pregunta Iago Tabarés, deputado do BNG por Ourense, nunha iniciativa rexistrada o pasado xoves no Parlamento Galego.

AVANTAR ACTIVIDADES

Entre a primavera e o outono do ano pasado as veciñas e veciños da Merca sufriron cinco meses de cortes constantes e continuados no subministro de auga para consumo humano. Reproducíase o problema de 2017 e 2018, anos secos. Agora volve pasar. Este mesmo domingo, o Concello da Merca (PP) vén de informar de cortes en oito aldeas. José Manuel Garrido, o alcalde, xustifica a necesidade do corte no subministro de auga potable no “resultado das actuacións de vixilancia sanitaria e control da calidade da agua de consumo de abastecemento” que provocan a necesidade de proceder á limpeza dos depósitos e redes de condución de auga.

O BNG, a través do seu parlamentario por Ourense, advirte ao Goberno galego da falta de transparencia e información “das administracións local e autonómica”, e do “abuso do cobro dun servizo que non se presta”; ao que se une agora unha “nova interrupción do subministro que evidencia a falla de solución do problema e a incerteza sobre a calidade das augas”.

O deputado nacionalista, subliña a inxustiza do cobro de taxas e pide do Goberno galego un pronunciamento: “Considera a Xunta de Galiza que é exixible o pagamento de tributos polo uso e consumo de auga potable domiciliaria cando a cidadanía está privada deste servizo?”.

Catro anos despois, o alcalde asume a solución que propuxera o BNG

No ano 2017, despois da primeira crise no subministro de auga, o BNG da Merca propuxo tres cousas: un estudo técnico sobre a viabilidade para cambiar o punto de captación, que se dese información á veciñanza, e reducir a taxa municipal polo servizo de auga.

“O PP achacou todo o problema á seca, e negouse a rebaixar a taxa. Iso tivérono claro desde o principio. Pasase o que pasase, eles non ían deixar de cobrar a taxa”, lembra a actual portavoz municipal do BNG da Merca, Teresa Garrido. “Cando o ano seguinte, en xuño do 2018, volveron aparecer os problemas, o PP sacou da manga o proxecto dun vaso de decantación”.

Agora, o alcalde vén de publicitar na prensa ourensá a solución do cambio de punto de captación. Sen facer, por suposto, alusión á demanda do BNG durante estes catro anos no que o subministro colapsou en diferentes momentos. O BNG da Merca espera que desta volta se poñan os medios necesarios e se facilite, tamén desde os organismos provinciais e de cunca, a solución técnica que xa avanzaron as nacionalistas hai catro anos.