Moción do Bng sobre procedementos de convocatoria para contratación de persoal laboral do concello de Ribadavia.

Ribadavia é un exemplo na comarca e provincia de respecto ás disposicións legais de contratación pública, pero o Concello de Ribadavia como institución pública, debe facilitar todo o posible a participación nos seus procesos de contratación de persoal.

As últimas convocatorias municipais para a contratación de persoal laboral foron publicadas na prensa en xoves, cun prazo de presentación de solicitudes de 5 días naturais. en ambos casos, tres deses días naturais foron o sábado, o domingo e un festivo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Logo, as persoas aspirantes foron convocadas para a entrevista curricular mediante anuncio no taboleiro da casa do concello e na páxina web municipal.

Consideramos que o envío dun correo electrónico e/ou un SMS a cada solicitante non supón un emprego considerable do tempo de traballo dos empregados municipais, mantén a debida axilidade no proceso de contratación e asegura a participación de calquera persoa solicitante.    

      Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Que en vindeiros anuncios de convocatoria para a contratación de persoal por parte do Concello de Ribadavia se dispoña un prazo de presentación de solicitudes en días hábiles. se o prazo se establece en días naturais, que a convocatoria sexa publicada en luns, sempre que non haxa xornadas festivas no resto da semana.

2. Que en vindeiros procesos para a contratación de persoal por parte do Concello de Ribadavia, á hora de citar ás persoas aspirantes para a entrevista curricular se proceda mediante o envío dun correo electrónico e/ou un SMS aos enderezos que cada solicitante facilitara.