O BNG cuestiona o anuncio de Jácome de cambiar de data as feiras de Ourense e ínstao a sentarse a falar co sector

IES CHAMOSO LAMAS

Advirten ademais de que o cambio das datas implica a modificación da Ordenanza reguladora da venda ambulante, algo que en todo caso é competencia do pleno

En urbanismo, o BNG abandonou a reunión ao entender “unha tomadura de pelo a falla constante de información nas áreas xestionadas por alcaldía”

OFERTA DE TRABALLO EN AVIÓN

Ante o anuncio de fai uns días nos que o concello comunicaba que a partires do vindeiro ano 2022 as feiras de Ourense mudarían os seus días de celebración, pasando a ser cada sábado, o Grupo Municipal do BNG interesouse por esta cuestión na Xunta de Área de comercio celebrada esta mañá.

Para os nacionalistas a proposta de Jácome non deixa de ser “un anuncio máis aos que xa nos ten afeitos” ao tempo que cuestionan que non fose consensuado cos feirantes, praceiras e polbeiras.

Para a Concelleira Rhut Reza “entendemos que unha modificación de datas tal e como propón alcaldía, debe ser previamente consensuada co sector implicado e non ser imposta por mero capricho do alcalde”. E engade, “no BNG somos conscientes do malestar existente entre feirantes, praceiras e polbeiras polo feito de non ter falado nin consensuado nada con eles”.

Pero máis alá das intencións que poida ter Jácome, no BNG advirten que a modificación das datas de celebración das feiras, actualmente fixadas para o 7, 17 e 26 de cada mes, implica a modificación da Ordenanza Reguladora da Venda Ambulante, concretamente o artigo 4.A do título I e relativo ás modalidade de venda ambulante.

A concelleira Rhut Reza lembra que “a modificación dunha Ordenanza municipal debe ser aprobada en pleno polo que resulta moi arriscado e pouco serio que por parte de alcaldía se de algo por feito cando, lembramos unha vez máis, o actual Goberno Local está en minoría e precisa do apoio do resto de grupos”.

Reza insiste na necesidade de sentarse a falar coas partes implicadas e sentenza, “non se pode por o carro diante dos bois”, e así o manifestou esta mañá en Xunta de Área.

O BNG abandonou a Xunta de Área de urbanismo.

O Grupo Municipal do BNG abandonou esta mañá a Xunta de Área de urbanismo ao considerar unha tomadura de pelo o funcionamento da mesma no referido ás áreas xestionadas pola alcaldía “nas que non se ofrece ningunha información”. Segundo o concelleiro Luis Seara “levamos meses reiterando as mesmas preguntas e non se facilita información”, ao que engadiu, “pedimos expedientes e informes e tardan semanas en facilitalos, estanse rindo de nós continuamente e na nosa cara, algo que non imos tolerar”.