En alegacións, Espazo Común insistirá en rexeitar a suba de impostos

En alegacións, Espazo Común insistirá en rexeitar a suba de impostos e prantexará algunhas rebaixas totalmente asumibles polo concello

O rotundo non á suba de tódalas taxas do 2,7% proposta polo alcalde fundamentase nos propios informes dos técnicos municipais.

AVANTAR ACTIVIDADES

A rectificación na suba do IBI nun 10% que levou a termo Fumega neste 2021 é outra das propostas.

Bonificacións para a instalación de paneis solares ou a distribución en mensualidades do pago das escolas deportivas tamén figuran entre as alegacións do noso Grupo.

O pasado 7 de outubro aprobábase inicialmente só cos votos a favor do PSOE do Carballiño e o rexeitamento unánime da oposición, a proposta de ordenanzas fiscais para o ano 2022 feita polo alcalde Fumega.

O Grupo Municipal de Espazo Común vén de presentar unha batería con 37 alegacións na procura de mellorar o funcionamento de moitas das taxas e, sobre todo, impedir unha suba de impostos totalmente fóra de lugar no contexto económico actual.

Así pois, propomos a supresión de plano da intención anunciada e aprobada polo goberno de subir tódalas taxas un 2,7% amparándose de xeito falsario no IPC, algo que desmontan os mesmos informes dos técnicos. Esa é a base para que prantexemos a conxelación das mesmas.

Propomos rebaixas na recollida do lixo no rural coma mecanismo de discriminación positiva, asemade poñemos enriba da mesa a obriga de contemplar a exención deste cobro a aquelas vivendas que non teñan un contedor a menos de 300 metros. Por outra banda, reclamamos que se elabore un estudo sobre o proposto pola Deputación pois o seu criterio, ao ter en conta só a poboación, penaliza á veciñanza do Carballiño.

En canto ao IBI (Contribución) demandamos que se volte ao coeficiente do 0,48% que existía no ano 2021, antes de que Fumega levara adiante a súa suba unilateral.

Con respecto a esta mesma ordenanza, levamos unha proposta para que se bonifique a aquelas vivendas que instalen paneis solares. É un xeito de incentivar novos camiños cara a un concello máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

En canto á ordenanza de vados e ante a proliferación de pivotes instalados polo Concello nas rúas delimitando acceso a garaxes e aumentando as dimensións ocupadas por este, prantexamos que se instauren dúas taxas diferenciadas, rebaixando o custo a aqueles usuarios que non fagan uso destes elementos de mobiliario.

Por último, insistimos en que se permita o pagamento das escolas deportivas en mensualidades como xa acontece con moitos outros servizos municipais. Isto permitiría un respiro a moitas familias no mes de setembro, cando os gastos dos que teñen filos, se disparan.


ALEGACIÓNS

Dende o Grupo Municipal de Espazo Común no Concello do Carballiño en base ao disposto no artigo 17 do TRLFL aprobado polo R.D.Lexislativo 2/2004 do 5 de Marzo, polo que o expediente de Ordenanzas Fiscais para o 2022 require para a súa tramitación a exposición pública das mesmas durante 30 días no B.O.P. para que se poidan interpor as reclamacións ás mesmas que así se consideren; efectivamente e en dereito, solicitamos se teñan en conta as seguintes ALEGACIÓNS ao mencionado expediente levado a Pleno o 7 de outubro de 2021.

1 a 27. ANULACIÓN DA PROPOSTA DE ALCALDÍA DE SUBA DO 2,7 % DAS ORDENANZAS FISCAIS Nº 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 13, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 22, 24, 25, 26, 29, 31, 32 e 36.

Tal e como plantexamos na sesión plenaria de aprobación inicial deste expediente, propomos que non se aplique a tódalos impostos e taxas municipais anteditas a suba correspondente ao IPC interanual que, neste caso, suporía unha suba do 2,7 %. Non é xusto que cando este indicador é positivo e implica unha suba de impostos se leve a termo sen miramentos e, pola contra, cando pode conlevar unha reducción da carga fiscal para a veciñanza do Carballiño, sexa ignorado como elemento a ter en conta, tal e como aconteceu o ano pasado, cando o goberno non aplicou un IPC negativo do 0,7 %.

Esta alegación está ademáis apoiada nos informes dos técnicos municipais da área económica.

Así pois, a tesoureira dí que “o alcalde-presidente propón a modificación de actualización das cotas mediante a aplicación do IPC 2,7%.

Reitérase o xa informado, en canto a que a aplicación do IPC non é unha medida a ter en consideración de actualización dos custos dos servizos municipais tras a aprobación da Lei 2/2015, polo que serían necesarios os informes técnico-económicos das diferentes áreas/departamentos que determinen os custos reais daqueles e a súa translación ás cotas/tarifas mediante o seu incremento ou redución.”

Pola súa parte, o interventor manifesta que “Non obstante, a citada Lei 2/2015 derogou calquer vinculación directa ao IPC nos prezos e servizos regulados ou prestados polas Administracións Públicas, de forma que nada se actualizará segundo o IPC, de forma que os aumentos de prezos deberán estar xustificados exclusivamente pola evolución dos costes do servizo…”

Ambolosdous informes técnicos demandan que se cumpra coa obriga legal de realizar un estudo económico sobre os custos de cada un dos servizos e que se determinen subidas ou baixadas en función deste.

  • ORDENANZA FISCAL Nº14 REGULADORA DE TAXA SOBRE RECOLLIDA DOMICILIARIA DE LIXO E RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS.

Esta ordenanza pode ser un dos elementos que permita facer unha discriminación positiva cara ao rural aplicando unha rebaixa do 20 % aos usuarios actuais e unha rebaixa do 50 % durante tres anos para os novos veciños de calquer núcleo rural do noso concello.

  • ORDENANZA FISCAL Nº14 REGULADORA DE TAXA SOBRE RECOLLIDA DOMICILIARIA DE LIXO E RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS.

A taxa da recollida do lixo, actualizase tódolos anos en función dunha documentación remitida pola Deputación de Ourense, actual concesionaria do servizo. Dado que estes estudos feitos polo ente provincial, seguen a empregar como criterio principal para fixar o prezo o poboacional, o noso concello sae seriamente perxudicado.

O número de habitantes de cada concello implica que os que perden poboación paguen menos e os que gañan ou manteñen habitantes como é o caso do Carballiño, se vexan perxudicados, xa que asumen as subas para reequilibrar os custos totais.

A análise dos datos aportados implica, por exemplo, que os camións percorren 160.000 kms anuais por este concello, algo obviamente imposible.

Propoñemos a conxelación da taxa este ano, deixando sen efecto a suba proposta por alcaldía e que, durante o exercizo 2022, os técnicos do departamento de Medio Ambiente contrasten os datos do informe da Deputación e procuren alternativas co fin de fixar outros criterios ademáis do poboacional para establecer o prezo a pagar polos cidadáns polo servizo de recollida do lixo.

  • ORDENANZA FISCAL Nº14 REGULADORA DE TAXA SOBRE RECOLLIDA DOMICILIARIA DE LIXO E RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS.

En moitos casos, o servizo de recollida de lixo que se dá no rural non acada uns mínimos exixibles. Xa non é só a frecuencia de recollida nin a situación dos diferentes elementos asociados á prestación do mesmo.

Dáse a particularidade de que, con frecuencia, os usarios teñen que percorrer longas distancias para depositar o seu lixo.

Tendo en conta a existencia de xurisprudenacia abondo ao respecto, deberase incluir nesta ordenanza a exención do seu pagamento a aquelas vivendas, no rural, que non conten cun contedor a menos de 300 metros.

Segundo varias sentenzas, ao darse este caso, enténdese que non se está a prestar o servizo polo que non procede cargo algún aos veciños que se achen nesta casuística.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 4 REGULADORA DE TAXA POLA UTILIZACIÓN DE CASAS DE BAÑO, DUCHAS, PISCINAS, INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E OUTROS

Esta ordenanza está claramente desfasada. Mezcla conceptos que non teñen nada que ver e, a diferenza doutras, non permite o pagamento en mensualidades.

En primeira instancia, propomos a súa disgregación en Ordenanza Fiscal Reguladora de Taxas de Instalacións Deportivas e Ordenanza Fiscal Reguladora de Taxas das Escolas Deportivas Municipais.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 4 REGULADORA DE TAXA POLA UTILIZACIÓN DE CASAS DE BAÑO, DUCHAS, PISCINAS, INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E OUTROS

Por outra banda, propomos que ao igual que se fai noutras ordenanzas e co fín de facilitar ás familias o pagamento do importe das Escolas Deportivas, se permita o seu aboamento en 10 mensualidades. Isto facilitaría que en moitos fogares se aliviase un chisco a carga de gastos que acarrexa o mes do setembro co comezo do curso escolar.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 21 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES

Esta ordenanza viuse incrementada no exercizo 2021 nun 10% con respecto a que se aboaba no 2020. Seguimos considerando que foi unha suba de todo punto inoportuna e innecesaria, pois tendo en conta o contexto económico actual e as graves consecuencias deixadas por unha pandemia da que aínda non nos liberamos de todo, o custo da vida está a dispararse de xeito insoportable para moitos fogares.

Pedimos que se retrotraia o coeficiente a gravar neste concepto ao 0,48% que había no ano 2020.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 21 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES

Propoñemos a aplicación dunha bonificación neste imposto a aqueles fogares que se doten de elementos de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

Entendemos que é unha das fórmulas a través das cales, este concello pode promover un cambio de tendencia cara a um modelo enerxético máis sostible, máis económico e máis respectuoso co medio ambiente.

A proposta é que se faga durante cinco anos unha rebaixa do 50% do IBI a todas aquelas vivendas que se equipen con pracas solares para autoconsumo. Os sistemas instalados deberán supor cando menos o 50 % do suministro enerxético total.

       A instalación de sistemas de aproveitamento da enerxía solar poderá dar lugar a unha bonificación do 50% na cota íntegra do IBI, tanto en inmobles de uso residencial como en inmobles de uso non residencial, durante os cinco períodos impositivos seguintes á finalización da instalación:

   –  Só se poderán beneficiar aqueles que participasen na instalación compartida do sistema de aproveitamento de enerxía solar.

      – Non se concederá a bonificación cando os sistemas instalados sexan obrigatorios de acordo coa normativa específica na materia.

      – Non ten carácter retroactivo.

      – Para poder disfrutar da bonificación os suxeitos pasivos deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias co Concello do Carballiño na data de deveño da cota obxecto de bonificación.

      -Os suxeitos pasivos están obrigados a comunicar as variacións que se produzan e teñan trascendencia a efectos da bonificación.

      – Concederase ou denegarase mediante Decreto de Alcaldía.

      – Non é compatible con ningunha outra bonificación no IBI.

      PRAZO: A bonificación terá vixencia durante os cinco períodos impositivos seguintes ao da finalización da instalación. Poderá solicitarse antes do fin da duración da mesma e producirá efectos desde o período impositivo seguinte á solicitude.

      REQUISITOS: As instalacións para a produción de calor deberán incluír colectores que dispoñan da correspondente homologación pola Administración competente.

DOCUMENTACIÓN:

      1. En ambos os supostos:

                  – Licenza municipal.

                  –  Proxecto ou memoria técnica.

                  –  Declaración de técnico competente, visada polo colexio oficial ou xustificante de habilitación técnica, na que se acredite que a instalación reúne os requisitos (se se trata de instalacións para a produción de calor, deberán incluír colectores que dispoñan da correspondente homologación pola Administración competente).

      2. En caso de pisos e locais suxeitos ao réxime de división horizontal, débese achegar relación dos propietarios partícipes da instalación e as cantidades repercutidas a cada un deles.”

  • ORDENANZA FISCAL Nº 5 REGULADORA DA TAXA POR ENTRADA DE CARRUAXES, VAOS E RESERVAS DE VÍA PÚBLICA PARA APARCADOIRO, CARGA E DESCARGA E OUTRAS ACTIVIDADES DE INTERESE PARTICULAR      

Vimos observando nos últimos tempos unha sorprendente profileración de pívotes de plástico para delimitar os accesos a algúns garaxes de titularidade privada. Esta instalación feita polo Concello sen aterse a ningún tipo de regulamento nin orde, supón unha discriminación evidente para todos aqueles que non dispoñen desta “vantaxe”.

Dado que, nos máis dos casos, está a facerse aumentando o espazo de ocupación da vía pública, incluso máis alá das propias liñas amarelas que determinan a zona de exclusión de aparcamento, sería de xustiza aplicar dúas taxas diferenciadas para os que dispoñen destes elementos e para os que non.

A nosa proposta é que os garaxes sen bolardos teñan unha taxa un 10 % máis baixa ca os que dispoñen deles.

No caso contrario, o normal sería instalalos en absolutamente tódalas entradas de garaxe para dar igual trato a tódolos cidadáns.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 18 REGULADORA DA TAXA POR UTILIZACIÓN DO ESPAZO PÚBLICO PARA COLOCACIÓN DE ANUNCIOS E VALOS PUBLICITARIOS NAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Demandamos a retirada desta ordenanza pois de aprobarse, este Concello estaría incurrindo nunha contradicción moi difícil de explicar legalmente.

O feito é que toda a publicidade que se ubica nas instalacións deportivas municipais (Espiñedo, Pavillón Paco Chao…) é xestionada na práctica por clubes privados, sem que exista no Concello ingreso algún neste concepto. Tampouco hai control de ningún tipo sobre a xestión que os clubes fan da mesma, polo que aprobar está ordenanza do xeito que está redactada sería moi cuestionable.

  • ORDENANZA FISCAL Nº 35 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE O INCREMENTO DO VALOR DOS TERREOS DE NATUREZA URBANA

Ante a confusión legal que existe agora mesmo no tocante á aplicación desta ordenanza, a da “plusvalía” coa xa famosa sentenza do Tribunal Constitucional que declarou a nulidade da parte da Lei Reguladora de Facendas Locais que regula este particular, demandamos que se suspenda esta ordenanza en canto non se aclaran as cuestións que afectan ás responsbilidades dos concellos e a súa aplicación.