Blanca Riestra, gañadora do XL Premio Blanco-Amor coa novela Aquí empeza o mar

O xurado destacou no seu fallo, adoptado por unanimidade, o uso de tendencias literarias actuais e o retrato que a escritora fai da cidade da Coruña en varios momentos da súa historia, mesturando xéneros como a autoficción, o xornalismo ou a novela de memoria 

A escritora coruñesa Blanca Riestra é a gañadora do XL Premio de novela longa Eduardo Blanco-Amor pola súa obra Aquí empeza o mar, presentada baixo o lema O sumidoiro, e na queretrata á cidade da Coruña a través de diversos momentos da súa historia. A novela gañadora foi seleccionada de entre un total de 37 orixinais presentados a este certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación Eduardo Blanco Amor e que está dotado cun premio de 15.000 euros. 

O xurado, reunido hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel, valorou de xeito unánime que a novela “entronca coas tendencias literarias actuais que se cultivan noutros lugares”, destacando a elección da cidade da Coruña “como gran personaxe colectiva en varios momentos da súa historia recente, retratándoa cun xeito moi orixinal e vívido, magnético e a través dun estilo que combina con mestría xéneros como a literatura de autoficción, o xornalismo ou a novela da memoria, sen perder nunca como faro literario a forza da subxectividade”. Todo isto, engade a acta, enriquecido “cun relato xeracional onde se reflicten con acerto as vivencias de protagonistas ficticios, mais tamén reais, que deste xeito quedan xa para sempre inmortalizados”. 

PUBLICIDADE ELECTORAL

Blanca Riestra (A Coruña, 1970) é licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e doutora pola Universidade de Borgoña (Francia). Foi directora do Instituto Cervantes de Alburquerque (Estados Unidos), directora literaria da colección “Versión Celeste” da editorial francesa Orbis Tertius, profesora universitaria e na actualidade é docente de ensino medio no IES Adormideras da Coruña. 

A súa traxectoria literaria comezou en 1996 coa publicación da novela Anatol y dos más, á que seguirían máis dunha ducia de títulos. En todo este tempo o seu labor foi recoñecida con diversos galardóns, entre os que cabe citar o premio Ateneo Joven de Sevilla (2011) pola novela La canción de las cerezasEl sueño de Borges (2005, premio Tigre Juan); Todo lleva su tiempo (2007, finalista do premio Fernando Quiñones); Pregúntale al bosque (2013, premio Ciudad de Barbastro); Greta en su laberinto (2015, premio Torrente Ballester); Noire Compostela (2016, premio de novelas por entrega de La Voz de Galicia); ou Últimas noches del edificio San Francisco (2020, premio Ateneo de Sevilla). 

O xurado, que tralo seu fallo estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación Rosendo Fernández, foi presidido por Luís González Tosar, en representación da Fundación Blanco-Amor, e integrado por Luciano Rodríguez Gómez, Mercedes Corbillón Fernández, e César Lorenzo Gil, actuando como secretaria Tensi Gesteira. 

O galardón, o máis veterano e de maior prestixio da novela en lingua galega, será entregado nun acto que se celebrará no Liceo de Ourense o próximo 1 de decembro, coincidindo co 42 aniversario do pasamento do escritor.