Emilio González subliña a importancia da educación e do traballo conxunto para erradicar a violencia machista

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, incidiu na xornada de hoxe na “importancia da educación e do traballo conxunto das institucións e a sociedade para erradicar todas as formas de violencia contra as mulleres, fomentando unha convivencia en igualdade real e efectiva”. Así o recalcou durante o acto central do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller celebrado esta mañá ante a sede da Subdelegación do Goberno en Ourense.

A xornada comezou coa lectura de textos da escritora Emilia Pardo Bazán vinculados á loita contra a violencia de xénero realizada por unha vintena de alumnas e alumnos de 1º de Bacharelato do I.E.S. As Lagoas de Ourense. Acompañados por dous profesores do Departamento de Lingua Castelá, leron o relato El revólver. Con esta actividade o alumnado tamén puido aproximarse á vida e obra de Pardo Bazán, vinculada á loita das liberdades e dereitos da muller.

AVANTAR ACTIVIDADES

Durante o acto tamén se procedeu á lectura do manifesto co que se deixou patente que a violencia de xénero é o resultado dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persiste como unha crise silenciosa. No mesmo, sinalouse que só unha sociedade na que as mulleres non sufran violencia polo feito de selo pode ser considerada completamente libre e só unha democracia libre de violencia machista é unha democracia plena.

Lembrouse que no ano 2021 en España a violencia de xénero cobrouse a vida de 37 mulleres, unha delas en Galicia, e de 5 nenos e nenas. “Estes datos obrígannos á sociedade e ás institucións a non baixar a garda e a seguir traballando contra a violencia de xénero. Non podemos ser cómplices co noso silencio desta lacra social”, indicou Emilio González.

O acto finalizou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia machista no que participaron diversas autoridades e responsables de institucións e forzas de seguridade, así como persoal da Subdelegación do Goberno en Ourense.

DATOS DA PROVINCIA DE OURENSE

Emilio González informou de que na provincia de Ourense hai actualmente 379 casos activos rexistrados no Sistema de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero (VioGén). Un dos casos presenta risco alto, 39 presentan risco medio, 143 presentan risco baixo e 196 risco non apreciado.

Así mesmo, o subdelegado informou de que entre xaneiro e novembro deste ano interpuxéronse na provincia de Ourense 407 denuncias por violencia de xénero. Na actualidade, 30 mulleres son usuarias do Servizo de Teléfono de Atención e Protección (ATENPRO) e están activos 24 dispositivos do sistema de control telemático de medidas e penas de afastamento.

O subdelegado do Goberno sinalou que “para  o Goberno de España a violencia de xénero é unha política de Estado absolutamente prioritaria para acadar un país máis xusto, libre e igualitario”, compromiso que se materializa co incremento da inversión. Así, Emilio González sinalou que os orzamentos xerais do Estado para 2022 destinan 285 millóns de euros á loita contra todas as violencias machistas, o que supón un 54% do total do orzamento do Ministerio de Igualdade.

Por último, Emilio González citou o traballo que está a levar a cabo a Subdelegación do Goberno para incorporar a aqueles concellos que contan con Policía Local ao sistema de seguimento e protección de vítimas do Ministerio do Interior, VioGén, que na provincia de Ourense conta con oito adhesións: Ourense, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Barbadás, Maceda, Verín, Xinzo de Limia e Celanova.  

PROGRAMACIÓN DE ACTOS CON MOTIVO DO 25N

Xunto co acto central, o 25N a fachada da Subdelegación do Goberno iluminarase coa cor violeta, símbolo desta reivindicación, ademais de lucir unha pancarta reivindicativa da data.

Estas accións de visibilización completan a programación deseñada pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, que comezaron cun ciclo de oito xornadas formativas de violencia sobre a muller centradas na intervención policial e protección das vítimas impartidas entre o 5 de outubro e o 2 de novembro, destinadas a profesionais que traballan na prevención da violencia de xénero e na protección das vítimas. As mesmas celebráronse nos concellos de Barbadás, O Barco, O Carballiño, Maceda, Xinzo de Limia, Ribadavia, Celanova e A Pobra de Trives e foron impartidas por axentes do Equipo Muller-Menor da Policía Xudicial da Garda Civil de Ourense.

O 22 de outubro a Subdelegación do Goberno acolleu unha xornada formativa para profesionais sobre autorizacións de residencia para mulleres estranxeiras vítimas de violencia de xénero, impartida pola xefa da Oficina de Estranxeiría da Subdelegación do Goberno.

Por último, o 4 de novembro celebrouse na Subdelegación do Goberno unha xornada informativa sobre violencia de xénero, centrada na perspectiva policial, impartida polo inspector xefe da Unidade de Atención á Familia e Muller da Policía Nacional en Ourense.