Segundo os nacionalistas, desde a súa inauguración en 1972, o Museo Etnográfico de Oseira, situado ao carón do Mosteiro, veu acumulando unha rica variedade de pezas e utensilios recollidos por toda Galiza e incomprensiblemente leva pechado unha década
O BNG no Concello de San Cristovo de Cea rexistrou para debater no pleno que o concello vai celebrar este luns, unha moción na que solicitarán a reapertura do Museo Liste de Oseira. Un museo que conta cun fondo estimado de máis de 10.000 pezas, recollidas desde a década dos 60 ata a actualidade, e que constitúe un dos tesouros máis valiosos do noso patrimonio etnográfico e cultural.
Segundo expoñen os nacionalistas na súa moción, O Museo Liste recolle diversos aspectos esenciais da cultura tradicional do Concello de San Cristovo de Cea en canto a traballos agrícolas, oficios, actividades tradicionais e múltiples obxectos singulares da vida no rural galego. “Moitas persoas da comarca e de toda Galiza doaron obxectos e utensilios que forman parte desa rica colección”.
Tralo seu peche a mediados de 2011 debido á decisión adoptada pola Deputación de Ourense de non renovar o contrato á persoa encargada de abrilo, o BNG ven reiterando a necesidade de “abrir esta xoia da historia de Ourense ao público de novo” de modo que, “actúe como un elemento dinamizador da comarca de Oseira, conxuntamente co seu mosteiro”.
Para o portavoz do BNG no Concello de Cea, Manuel Pérez, aquela idea de que “escolares, investigadores e público en xeral puidera coñecer máis polo miúdo os elementos que foron conformando a vida e a historia cotiá da provincia de Ourense e dos seus cidadáns”, fica acochada no seu interior.
Tras non frutificar a cesión de dito espazo museístico á Deputación, opción barallada xa no ano 2016, o BNG reclama que a alcaldía retome as conversas cos propietarios do museo ata chegar a un acordo que satisfaga a ambas partes, posto que “o museo reúne pezas de gran valor histórico – etnográfico, moitas delas doadas polos veciños”.
O BNG, que xa ten preguntado polo tema noutras ocasións, solicitará o apoio do resto da corporación para lograr a reapertura do museo a curto prazo, dado o interese que desperta a súa visita, comparable co mosteiro, “xa que moitos visitantes se preguntan por qué un museo destas características está pechado”.
Por último, solicitan contratar a unha persoa con formación na materia e dominio de idiomas, que poida explicar aos visitantes a utilización e historia do material etnográfico que alberga para que contribúa a dar a coñecer o modo de vida e historia do propio concello.
VIDEO SPOT San Cristovo de CEA en BADAL TV