A concesión da Carta Puebla, no ano 1122, “foi o primeiro recoñecemento institucional de Ourense como cidade” e chegou por mediación do bispo, Diego Velasco, tras anos de enfrontamentos
Un evento que considera “histórico”, motivo polo que lle piden á Xunta de Galicia que “proceda a incluílo dentro da súa programación do Xacobeo porque Ourense merece recobrar o seu orgullo de cidade”
Ourense, 30 de novembro de 2021. O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha moción, para o seu debate no pleno ordinario do vindeiro venres no Concello de Ourense, co obxectivo de que o goberno municipal habilite unha partida específica, dentro dos orzamentos previstos para o ano 2022, na que se contemple a conmemoración e difusión do 900 aniversario da concesión da Carta Puebla de recoñecemento da cidade de Ourense, e que se realice en colaboración coas distintas administracións e entidades culturais e académicas vencelladas á mesma.
Os socialistas tamén piden que se inste á Xunta de Galicia a incluír a conmemoración do IX centenario da concesión da Carta Pueblo de recoñecemento da cidade de Ourense dentro da programación e promoción do Xacobeo 2022. Dende o Grupo Municipal Socialista apuntan a que a terceira cidade de Galicia “merece este recoñecemento”, coincidindo co 900 aniversario e pídelle tanto ao goberno municipal como á Xunta de Galicia que “se impliquen neste acontecemento”.
O concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Xosé Rúas, destaca que a concesión da Carta Puebla no ano 1122 “foi o primeiro recoñecemento institucional de Ourense como cidade”. Tal e como relata o edil socialista, a Carta foi concedida polo bispo, Diego Velasco, “un recoñecemento que chegou tras varios anos de enfrontamentos entre os reinos de Galicia e León, entre Urraca e Teresa, as fillas de Alfonso VI de León”. Uns enfrontamentos que provocaron a independencia de Portugal e, ao mesmo tempo, “puxeron en valor as terras da provincia ourensá, dada a súa posición estratéxica e limítrofe entre reinos”, apunta Rúas.
En ditas loitas, que durante séculos seguirían producíndose entre a igrexa e os representantes designados polos sucesivos reis, “provocouse que pouco a pouco, Ourense fose adquirindo entidade e independencia, tanto xurídica como institucional, sendo xa unha cidade de pleno dereito”, explica o responsable da área de cultura do grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ourense.
Para os socialistas a conmemoración do 900 aniversario da concesión da Carta Puebla en recoñecemento da cidade de Ourense “é un motivo máis para pór en valor a nosa historia, o noso patrimonio e que os ourensáns e ourensás lembren todo o acontecido ata o día de hoxe na nosa cidade”. Un evento que o PSdeG-PSOE de Ourense considera “histórico”, motivo polo que lle piden á Xunta de Galicia que “proceda a incluílo dentro da súa programación do Xacobeo porque Ourense merece recobrar o seu orgullo de cidade”.