O goberno local aproba asumir a cesión do Centro Comarcal por parte da Xunta

A corporación do concello do Carballiño reuniuse hoxe en sesión plenaria, dirixida polo tenente alcalde, Manuel Dacal.

Finalmente aprobouse o proceso que facilitará o pago de débedas ca administración cun máximo de 40 cotas, un acordo que se remonta a meses atrás logo da petición de Espazo Común. O goberno local aprobou o convenio do Ministerio de Interior para reforzar a cooperación entre a Policía Local e a Garda Civil. Os grupos da oposición están de acordo en mellorar a seguridade do municipio, pero critican que se aprobe un convenio xenérico e sen que a Policía saiba nada del.

AVANTAR ACTIVIDADES

En canto a aceptar a cesión do Centro Comarcal por parte da Xunta, tamén trouxo problemas. O PP abstívose e Espazo Común e BNG votaron en contra. A oposición pregúntase quen se fará cargo do mantemento do edificio neste momento de transición.

En canto ó control da oposición, o BNG recibiu o apoio unánime na demanda do incremento dos recursos económicos destinados a loitar contra a violencia de xénero. 

Espazo Común presentou unha moción para que se devolvan os importes cobrados por servizos non prestados a causa da pandemia. O goberno local aprobou a moción, aínda que aseguran que o trámite xa está en curso.

Espazo Común presentou a mesma moción que levou o PSOE na Deputación de Ourense para que se supriman as subvencións a dedo. Esta moción contou co voto en contra do goberno local e do PP.

O PP contou co apoio para que se redacte unha nova ordenanza do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana.