Andrea Dávila gaña o XVI Certame de Artes Plásticas da Deputación de Ourense

A artista coruñesa impúxose nunha edición á que se presentaron máis de 500 traballos procedentes de 15 países 

Andrea Dávila (Boiro, 1995) é a gañadora da XVI edición do Certame de Artes Plásticas que a Deputación de Ourense convoca para recoñecer o traballo de novos artistas. A artista coruñesa impúxose coa peza escultórica titulada “Sitting piece for 2”, nunha edición á que se presentaron máis de 500 traballos. O segundo premio foi para o vigués Alberto Ardid de Cabo pola obra “Nova riqueza”, mentres que o terceiro galardón recaeu na ourensá Mar Ramón Soriano cunha peza escultórica en cerámica titulada “Desnudo, espacio de juego”. Os artistas distinguidos recibirán un premio económico de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente. Tamén houbo dous accésits, que nesta ocasión foron para Miquel Ponce Díaz e David Fidalgo Omil.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Deputación de Ourense creou este certame para impulsar o traballo dos creadores máis novos nas diferentes disciplinas da arte contemporánea. Nesta edición presentáronse un total de 507 candidaturas de artistas procedentes de 15 países, entre os que ademais de España se atopan Portugal, Italia, México, Arxentina, Brasil, Chile, Bolivia, Cuba ou Taiwan. 

O xurado estivo integrado por Santiago Olmo, director do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC); Juan Carlos Román, artista e profesor na Facultade de Belas Artes de Pontevedra; Ángel Cerviño, creador e comisario de exposicións; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense; e Rosendo Cid, creador e comisario de exposicións. Como secretario exerceu o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González. 

Os premios entregaranse no acto inaugural da exposición prevista para o próximo mes de xaneiro e na que se mostrarán os traballos seleccionados polo xurado.