O Teatro Principal acolle a preestrea da película de animación Valentina, unha historia de inclusión que conta co apoio da Deputación

Antes da proxección, á que asistiron máis dun cento de escolares e membros de entidades de inclusión social, o presidente provincial, Manuel Baltar, invitou aos presentes a “non perder nunca a ilusión e a curiosidade”, destacando que a produción vén de ser nominada aos Premios Goya, “o que significa que xa nace coas máximas ambicións e garantías de éxito” 

 O Teatro Principal acolleu esta mañá a presentación e preestrea mundial da película musical de animación Valentina, produción que conta co apoio da Deputación de Ourense, e que narra as vivencias dunha nena con síndrome de Down que reside na capital ourensá e soña con ser trapecista. “Unha historia de inclusión e diversidade que nos invita a non perder nunca a ilusión e a curiosidade“, dixo o presidente provincial, Manuel Baltar, acompañado na presentación pola directora da película, Chelo Loureiro, e a pequena actriz Lucía Seren, que prestou a súa voz á protagonista. 

AVANTAR ACTIVIDADES

Manuel Baltar cualificou a preestrea mundial como “un momento moi especial para a directora e todo o seu equipo, pois a película vén de ser nominada aos Premios Goya, o que significa que xa nace coas máximas ambicións e garantías de éxito”, destacando que esta produción “tamén é froito do apoio que a Deputación de Ourense está a prestar ao sector audiovisual galego”. Valentina chegará ás salas de cine o próximo 10 de decembro, engadiu, “xusto cando se cumpren 73 anos da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que debemos exercer e respectar”. En definitiva, apuntou sobre a película, “un canto a todo aquilo no que debemos crer”. 

Ademais da “felicidade” que expresou Lucía Seren por poñer voz á protagonista, Chelo Loureiro subliñou que a historia de Valentina discorre en escenarios galegos “porque para cando esta película viaxe polo mundo queremos que se saiba que está situada en Galicia, que Valentina vive en Ourense e que no seu dormitorio ten un peliqueiro”, un xeito de contar “que temos unha cultura e lingua propias”. A historia, dixo, o que pretende “é centrar o foco nas capacidades e non nas dificultades, en que todos temos os mesmos dereitos”. 

Na presentación tamén estiveron presentes o xefe territorial da Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Manuel Pardo; o director do Festival Internacional de Cine de Ourense, Miguel Anxo Fernández; as deputadas provinciais de Igualdade e de Cultura, Luz Doporto e Patricia Torres, e o asesor de Cultura, Aurelio Gómez Villar. 

Trala presentación comezou a preestrea desta cinta, á que acudiron un cento de rapazas e rapaces dos colexios das Mercedes, A Purísima, Down Ourense e da Asociación de Persoas con Discapacidade. 

Valentina narra a historia dunha nena que quere ser trapecista, pero que cre que non chegará a conseguilo por ter a síndrome de Down, aínda que unha viaxe máxica descubriralle todo aquelo do que é capaz. A súa avoa, compañeira de xogos, aprendizaxes e cancións, ensinaralle que nunca hai que perder a ilusión nin as ganas de aprender, as mesmas que ela pon á súa idade por converterse en directora de orquestra. 

Producida e dirixida por Chelo Loureiro e coescrita con Lúa Testa, contou con David Pintor no deseño de personaxes e escenarios. A banda sonora foi composta por Nani García, coautor da banda sonora orixinal da película “Una mujer fantástica” gañadora do Óscar á Mellor Película non inglesa en 2017. Tamén participa Emilio Aragón, compositor de “Es especial”, unha das oito cancións da banda sonora, e o cantautor Andrés Suárez. Conta ademais con recoñecidas voces da lírica galega como María Manuela, Uxía ou Pilocha, que poñen voces a cancións e personaxes, así como co cantautor Coke Couto e a propia coescritora Lúa Testa, xunto cos  coros interpretados por alumnos da aula de voz do Colexio Fingoi de Lugo.