Unha ovella na tulla do diñeiro

Antón Jardón

Curriculum Antón Jardón


Outros haverão de ter, / o que houbermos de perder.

(Fernando Pessoa,do poema Os colombos, Mensagem).

AVANTAR ACTIVIDADES
Os fabricantes de alcumes acordaron poñerlle Laluna. Foi pola ladaíña enfática e reiterativa coa que sempre coaroaba as falas e as chácharas na taberna: «me cago en la luna!» Ou, ao mellor, foi polos modos e actitudes máis propias dun lunático ca dun tipo cargoso e repugnante. Marcial, o Laluna, era un torturador nato do seu propio corpo, un parvo irredento capaz de traballar de sol a sol, imbuído por unha cobiza inigualábel; era unha acémela ou besta de carga gurrona; unha máquina de amasar fortuna e fartura para azacotar os díxitos das contas bancarias; era o devoto teimudo dunha deusa rabiosa que o trataba como un escravo. Un babeco con maiúscula, iso é o que era o Laluna. Mais, sempre hai unha ocasión na que os apaiolados tamén son capaces de pariren ocorrencias atinadas. Iso acontece cando panocos como o Laluna se atreven a domearlle a crista aos presumidos que agroman como estrugas sañudas dende o fondo das latrinas, onde se cría o fedorento cheirume que a miúdo nos abafa.
Falamos dos tempos pretéritos nos que os bancarios, malia zugarnos o suor e baleirarnos a carteira, aínda respectaban á clientela. Un día de feira o Laluna entrou na sucursal do banco, turrando dunha ovella vella atada cun vencello, disposto a depositar os cartos do año que vendera. Ao avistalo, un dilixente empregado, créndose o dono da tulla do diñeiro, saltou enfurecido por riba da mesa, decidido a pararlle os pés aos excéntricos visitantes. A perica, asustada polo barullo, pegou un brinco e foise entallar entre as pernas daquel estúpido sentinela, mentres esparexía as pallas do vencello, ao tempo que entoaba un “bee” intenso e adoecido. O director, ao escoitar aquel sonido inusual, saíu do despacho ansioso de saber o que acontecía e, nun santiamén, ditou a sentenza inepelábel: «Este señor pode entrar no banco cuando quera e con quen queira. Bo día, don Marcial!» (Aquel fulano debía ser o único no mundo que trataba de don ao Laluna. E a el gustáballe, vaia se lle gustaba!)
Ao saír, o da ovella cruzouse cun veciño e detívose para falarlle do bo trato que lle dispensara o director do banco, mentres o outro lle cortaba a mexada en seco: «Nunca agardes nada dos que atan os bolígrafos con cordelas, como se fosen cuxos bravos».
[O meu tío Lisardo bota de menos os tempos nos que os arrieiros dos cartos che desplumaban a pelica −como fan hoxe en día− mais daquela había ocasións nas que te trataban como se ti foses o dono do teu propio diñeiro].

————————————————————————————————–

Outros Artigos de Antón Jardón :

” Mirando cara a acolá “

” A galiña que pon os ovos sen data de caducidade “

O pan noso de cada día

” Quen ri último, ri mellor “

” Rebuscando nos sumidoiros “

” Conichos e fantoches “

” Contando tardes, sobre todo, tardes “

Quen anda aí?

A señora da máscara no papo (e a educación no sobaco)

“Paco Picholas e os elementos noctámbulos ”

” Sente aqui, señor! “

” A codia das ausencias en tempos adversos “

A algarabía cuántica da covid-19 e a matanza da señora Clotilde [relato]

” A contumacia dun milhomes contra a cerellada doutros catro [relato] “

” Que diferenza hai entre a denta-dura de Trump e o dentame de Bide? “

Maldita escuridade! (Sempre anoitece con máis Vox e menos Nós no horizonte)

Guerra patriótica: nacionalismo madrileño contra centralismo español

” Ménage à trois nas cloacas do Barbaña “

” Algo cheira a rancio na cidade dos biosbardos “

” Casabranca e o lado íntimo da pseudo-política ourensá.”

” Non hai doce sen trece (corolario) “

” Non hai doce sen trece (segunda parte) “

” Non hai doce sen trece (primeira parte) ”

” Antollo e o xurelo guisado [relato] “

” O can vello, o amo e o patrón [relato] “

” Incontinencias dun petulante na fase 1 [relato] “

” O corvo e o alcalde [relato] “

” A pandemia dos estorniños berrecallos [relato] “

” Unha muller confinada no supermercado “

“O cadeliño zuro e o visitante impertinente”

“Mentres tanto”

” 5 de abril, Domingo de Ramos “

” Galicia, esa esquina do mapa “

” Un País que se disipa sen remedio “