Bodega Alanís e Queiman e Pousa poñen o broche final ao ciclo ‘Cata a Arte’ deste ano

Bodega Alanís presentou onte o seu viño branco Gran Alanís 2020 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha sala con aforo completo na última sesión da sétima edición do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado pola incrible voz da cantante Andrea Pousa e a chamativa forma de facer a presentación e cata do viño Gran Alanís da man do Bruxo Queiman, así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar o primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, lugar onde está situada a mostra “Tarecos” de Alejandro Caporale, que se inaugura hoxe, unha serie fotográfica con obxectos atopados e ensamblados, o que os converte nunha revisión persoal do artista.

Queiman e Pousa é unha compañía galega de espectáculos musicais. Creada en 2014 a través da fusión do actor Bruxo Queiman e a cantante Andrea Pousa, coa fin de que o público atope nos seus espectáculos una identificación coas súas raíces e tradicións xa que, aínda que ancoradas no pasado, atópanse en constante evolución creativa. Tratan de potenciar un ocio e cultura a través da calidade escénica, a poesía artística, a música tradicional fusionada con outras ramas musicais e outros recursos expresionistas que contribúen ao desenvolvemento da cultura e en xeral á potenciación da arte en múltiples facetas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Nesta sétima edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR), unha organización sen ánimo de lucro con 26 anos de traxectoria mellorando a calidade de vida dos seus usuarios e apoiando a coidadores e familiares. Para cumprir coa labor, conta cunha rede de colaboración entre entidades públicas, privadas e asociados pensando en ofrecer servizos especializados que faciliten o día a día dos pacientes con Alzheimer e o seu entorno. Todas as persoas que apoiaron esta iniciativa entraron nun sorteo de botellas de viño das adegas participantes e merchandising da D.O. Ribeiro.

O vindeiro mes de xaneiro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as catro xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no nova sede de AFAOR no barrio de Barrocás, en Ourense.

Viño e arte

O ciclo rematou onte coa súa última sesión e celebrouse durante catro xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 4 de novembro ata o 2 de decembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estivo limitado a 50 persoas por xornada, e as prazas foron cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.