O Carballiño acolle a final do Impromaxin 2021:competencia deportiva de teatro improvisado.

Este domingo 5 de decembro O Carballiño acolle un novo evento cultural teatral:
IMPROMAXIN. Trátase dunha competencia deportiva na que os actores de teatro
improvisan pezas e pelean por obter os puntos do público. A esta final chegan 10
actrices e actores escollidos entre 50 que participaron nas rondas previas de Vigo,
Coruña, Santiago e Oporto.

O show deportivo terá lugar no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño ás 19:30hs deste omingo 5 de decembro. A taquilla física estará aberta desde media hora antes e as entradas online están xa dispoñibles na web www.fetega.gal cun valor de 5,00 €.
A actividade terá un preámbulo o día 4 de decembro cun encontro de improvisadoras e
improviadores de toda Galicia e norte de Protugal que estará aberto ao público. Trátase de dúas xornadas nas que a Impro se fai protagonista cultural na vila do Carballiño.

AVANTAR ACTIVIDADES

A Impro deportiva ou Improvisación teatral é un show de duelos de actores que se enfrontan a escenas improvisadas que deben desenvolver partindo do descoñecemento dun guión. Polo xeral, a comicidade domina o espectáculo, pero en ocasións xurden pezas dramáticas moi potentes. En todo caso, a Improdeportiva é un show no que o público disfruta moito.
Precisamente son eles os que van a puntuar cada unha das creacións improvisadas

Este evento conta co patrocinio da Secretaría Xeral de Cultura e a colaboración do Concello do Carballiño e está organizado pola AC Fetega e CouMedia. A Asociación Cultural Fetega é a responsable da organización do Festival do Teatro Galego e quere seguir a ser garante de tódalas artes escénicas. Neste caso pensou en darlle impulso e visibilidade á improvisación teatral, unha arte escénica emerxente, con moito éxito e seguimento entre a mocidade. Para iso amplía a colaboración que viña facendo con CouMedia, marca do actor e cómplice necesario, Antón Coucheiro, e deseñan a primeira edición da IMPROMAXÍN. Xunto con eles, compañías de impro e institucións prenden a mecha dun novo Festival con espíritu de cubrir toda Galiza.
Malia ter unha historia comprobable, a Impro aínda é unha arte escénica un tanto descoñecida.
En Galicia ata 2011 non xurden compañías coma TheMomento en Compostela, Los Duguis na Coruña ou Triatreros en Vigo. A partir de entón comezan a producirse encontros na capital galega coma o Campionato ImproFighters ou o Festival Imperdible. Na actualidade existen moitos grupos practicando esta disciplina escénica que mantén unha actividade aínda soterrada, relegada na maioría dos casos a bares e centros culturais. Coma noutros casos, como os monólogos cómicos,
o Fetega quere dignificar as artes escénicas levándoas ao lugar que lle corresponde: os
escenarios. E este é un bó momento para poñer en valor esta potente arte da espontaneidade e conectar Galicia cun movemento mundial que non para de crecer.

Segundo Carlos Ledo, da AC Fetega: “hai moito eido cultural por traballar e nós nunca nos anclamos nun único xénero escénico. É ben certo que a través do Festival do Teatro Galego nos convertemos no único festival de teatro cen por cen de compañías galegas e en galego e somos recoñecidos por esa labor. Pero sempre somos sensibles a outras artes escénicas e a Impro deportiva é unha actividade con moito tirón entre a mocidade. Sempre que podo reforzo a idea de que esta actividade que agora nace é para o futuro, porque non queremos so ser garantes e valedores do teatro galego histórico, senón tamén dinamizadores do teatro futuro. Con Cou topamos un partner espectacular e ben acompañados polas institucións que nos apoian económica e loxísticamente agardamos que o IMPROMAXIN que este ano sementamos dea moitos froitos entre a mocidade”.