O Psoe denuncia unha “trama” de Jácome consistente na “ocultación” de proxectos e gastos

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

. O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia ante a Valedora do Pobo unha “trama” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, que consiste na “ocultación” de proxectos e gastos en materia de urbanismo, infraestruturas e medio ambiente no Concello de Ourense, “pisoteando” a obriga legal de transparencia que teñen todos os executivos de dar respostas tanto a oposición como a cidadanía de temas sobre os que requiren solicitudes de información. Os socialistas afirman que este “é un acto de desesperación”, ante o incumprimento “constante” da lei de bases de réxime local por parte do goberno municipal de Ourense.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o Grupo Municipal Socialista denuncian, unha vez máis, o “escurantismo” co que actúa o goberno municipal e o actual alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome. Os socialistas destacan, que dende o inicio de mandato, advertiron dun “bloqueo permanente” á oposición, concretamente no relativo as xuntas de área de urbanismo, infraestruturas, contratación e persoal e cultura e educación, onde tal e como manifestan “hai máis de 150 solicitudes pendentes de información por parte do alcalde e dos seus concelleiros delegados”.

Ante o bloqueo permanente, os socialistas tomaron a decisión de acudir a Valedora do Pobo co obxectivo de que “medie e poder ter respostas a todas as cuestións plantexadas”. Para a concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Natalia González Beneitez, estes feitos son “gravísimos”, motivo polo que solicitan o amparo da valedora e deste xeito “saber cal é a xestión do alcalde, como nos leva enganado durante todo este tempo e tomar medidas antes do fin do mandato”.

González Beneitez relatou que o alcalde “oculta información” sobre temas “tan importantes” como o futuro PXOM, no que Jácome “non é capaz de recoñecer que vai ser incapaz de cumprir as súas liñas vermellas para a aprobación do plan, que vai seguir bloqueado e que só lle queda asumir que se tragará co PXOM do PP, enganando deste xeito a todos aqueles que lle deron o seu apoio a Democracia Ourensana nas últimas municipais”.

Para o voceiro do PSdeG-PSOE de Ourense no Concello, Rafael Rodríguez Villarino, esta decisión “é un acto de desesperación, cando xa non nos queda máis remedio ante o incumprimento constante por parte do goberno municipal”. Villarino salienta que o que acontece “é sángrante” e pon o foco en que “é un caso que acontece en todas as xuntas de área, nas que pedimos información, pero non se nos facilita”.

O voceiro dos socialistas ourensáns destaca que “este non é un problema de transparencia, é un problema de ocultación, polo que temos que falar de que hai algo detrás de todo isto que a veciñanza non pode saber e por iso o alcalde non nos facilita información que poder trasladarlle á cidadanía de Ourense”.

Os socialistas apuntan a que tampouco teñen información das “infinitas promesas cos que nos deleitou o alcalde no último ano”. Temas como o parque mapamundi, o rañaceos, ou a piscina infinita de Covadonga, das que non hai resposta. Situación que tamén se traslada o plan de mobilidade vertical, no que Jácome “pretende encher Ourense de escaleiras mecánicas”, os socialistas denuncian que “seguimos sen acceso a expedientes, sen informes de viabilidade e mantemento, e o que é máis grave, nun caso concreto como o da rúa Concordia, estase licitando un expediente con informes negativos, sen autorización de Patrimonio, nun proxecto no que se solicitaron fondos europeos para o financiamento e que se inclúe no plan de cooperación coa Deputación”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén puxeron o foco no “nerviosismo” do goberno municipal pola situación e demandas que o PSOE está a facer constantemente sobre o centro de intelixencia artificial. “Ese centro que creou Jácome é un buraco negro, no que se están despilfarrando unha cantidade incalculable de fondos públicos, xa non só para colocar a afíns, senón tamén para financiar obras, mobiliarios ou equipamentos informáticos, dos que pedimos contas e gastos detallados, sen que se nos facilite unha soa factura ou dato”.