A Deputación de Ourense inicia o proceso de externalización do servizo de recollida de lixo

O deputado de Cooperación, Pablo Pérez, enmarcou esta medida nun plan estratéxico “co que pretendemos mellorar a atención aos concellos, optimizar a recollida selectiva de residuos, potenciar a reciclaxe e fomentar a implantación da recollida da fracción orgánica, popularmente coñecida como contedor marrón” 

O paso a xestión indirecta “terá unha importante compoñente tecnolóxica, procurando un control eficiente dos contedores, que tamén permitirá a súa redución, así como tamén a renovación da actual flota de vehículos”, destacou 

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 3 de decembro de 2021.- A Deputación de Ourense iniciou hoxe o proceso de externalización do servizo de recollida de lixo no marco dun plan estratéxico “co que pretendemos mellorar a atención aos concellos, optimizar a recollida selectiva de residuos, potenciar a reciclaxe e fomentar a implantación da recollida da fracción orgánica, popularmente coñecida como contedor marrón”, declarou o deputado de Cooperación, Pablo Pérez, ao remate da reunión da comisión xeral das trece unidades territoriais do lixo que engloban aos 55 concellos nos que a Deputación, hoxe de modo directo, realiza a recollida da totalidade das fraccións de residuos, tanto en proximidade a través dos contedores como mediante os puntos limpos fixos e móbiles.  “Este paso que hoxe damos nesta andaina por lograr a externalización deste servizo foi aprobado por maioría absoluta dos presentes (47), con 40 votos a favor, 1 en contra e 6 abstencións”, destacou o deputado de Cooperación.  

Pablo Pérez enmarcou este proceso de externalización no plan de mandato 72-73 do goberno provincial, “que vai ter como obxectivo deseñar un servizo eficiente e pioneiro en Galicia, para o que se require un forte investimento”. A reunión de hoxe, sinalou, “é o primeiro paso dunha tramitación que agora pasará pola correspondente comisión informativa e polo pleno ordinario deste mes, ata chegar á convocatoria do concurso para a súa concesión”. 

O deputado de Cooperación destacou, entre outras medidas, que o paso a xestión indirecta da recollida de residuos sólidos municipais “terá unha importante compoñente tecnolóxica, procurando un control eficiente dos contedores, que tamén permitirá a súa redución, así como tamén a renovación da actual flota de vehículos”. 

O proceso que agora se inicia ten como punto de partida os cambios que están a rexistrar nas lexislacións estatal e autonómica sobre residuos, como consecuencia da aplicación das directivas europeas, “un novo escenario que esixe dos cidadáns, como usuarios, e das administracións, como prestadoras de servizos, un cambio nos modos, obxectivos e prioridades á hora de preparar, recoller, almacenar, transportar e tratar eses residuos”. Neste contexto, explicou Pérez, “levou ao goberno provincial a reformular este servizo no marco da cooperación e asistencia aos municipios que teñen delegada esta competencia”. 

Tamén subliñou o deputado provincial que con este paso “estase a impulsar a colaboración público-privada, esencial para atraer proxectos innovadores capaces de xerar valor no territorio, fixando iniciativas empresariais baseadas na sustentabilidade e na descarbonización, con modelos de economía circular que a curto e medio prazo acheguen desenvolvemento tecnolóxico e equilibrio medioambiental”. 

Esta medida supón o paso dunha xestión directa a unha xestión indirecta do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos -que se presta en 74 concellos e dá servizo a 200.000 habitantes- en 55 concellos de xeito integral, e adicionalmente a recollida da denominada “bolsa amarela” ou envases lixeiros (que se realiza en 17 concellos), a recollida de papel e cartón (en 6 concellos) e de vidro (9), ademais da xestión de lavado de contedores e de 17 puntos limpos de titularidade provincial. Tamén se incluiría o servizo supramunicipal de transferencia de residuos, que xestiona 11 plantas de transferencia mediante un convenio de colaboración co Sogama ao que están adheridos actualmente 70 concellos.