Miranda afirma en Bos Aires que a pandemia fixo aflorar as fortalezas do traballo conxunto de entidades e administración, en pro da colectividade

O secretario xeral da Emigración mantivo un encontro cos centros galegosde Arxentina aos que agradeceu, xunto á Delegación da Xunta en Bos Aires, a atención prestada durante a pandemia aos galegos residentes no país

Aproveitou o encontro para pedir a colaboración das entidades na difusión das diferentes liñas de apoio ao retorno que está a desenvolver a Xunta de Galicia e que xorden dun acompañamento integral que se inicia xa no propio país de orixe

AVANTAR ACTIVIDADES

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado do delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro, celebrou onte en Bos Aires unha reunión na capital da Arxentina coas entidades galegas, continuando coa rolda de contactos presenciais iniciadas esta semana en Uruguai, e na que se falou sobre a labor desenvolvida por estes centros en pro dos galegos que sufriron maiores problemas sociais e económicos derivados da pandemia da Covid-19, así como da necesidade de difundir as liñas de retorno coas que traballa a Xunta de Galicia para acoller ás familias que desexen volver a España.

A reunión asistiu tamén o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, aproveitando que esta tarde terá lugar a representación, por primeira vez en Arxentina, da produción O charco de Ulises, no Teatro Astral.

Miranda centrou a súa intervención ante os representantes dos centros galegos en Bos Aires dando as grazas tanto á Delegación da Xunta como as propias entidades pola atención prestada á colectividade galega neste país, de xeito relevante a quen “máis padeceu, xa sexa por cuestións de saúde ou por cuestións económicas, esta crise”.

Neste senso, o secretario xeral destacou que dende a administración autonómica denótase o incremento de galegos residentes en Arxentina que desexan volver a España, e, deste xeito, instou ás entidades a dar a coñecer as políticas de retorno que ten en marcha a Xunta de Galicia e que supoñen un acompañamento integral xa dende o propio país de residencia ás familias que queren regresar.

Finalmente, Miranda tamén animou ás entidades a continuar a divulgar e promover a cultura e a lingua galega, para manter as tradicións, recuperando as celebracións culturais da colectividade, unha labor para a cal os centros galegos continuarán a contar co impulso e apoio da Xunta de Galicia.