Serrat e os cantautores

Manuel Herminio Iglesias


Alá polo 1968 escoitei a primeira cantiga de Joán Manuel Serrat. Lembro que merquei nun estanco de Ponte Canedo unha revista que se chamaba Fans e nela viña unha cantiga co texto en catalán  cos acordes de guitarra.  Tamén traía unha foto do artista. A cantiga chamábase: Canço  da matinada.

AVANTAR ACTIVIDADES

Non sei a razón,  pero  aquela cantiga animoume a coñecer máis a personalidade   deste rapaz que comezaba a camiñar no mundo da música.  E dende aquela  fun seguindo os seus discos pois, ademais da voz de barítono  deste catalán universal, chamábanme a atención as letras;  pois todas tiñan mensaxes moi interesantes.  Eran os  anos nos que os chamados  cantautores tiñan moito espazo musical. Eses   cantantes medio poetas que presentaban as súas pezas a golpe de voz acompañados  cuns  acordes sinxelos de guitarra. Son moitos os nomes que lembro. Direi algúns:  Manolo Diaz, Paco Ibañez, María del Mar Bonet, Cecilia, Victor Manuel, Aute  e un longo etc. Daquela todos falaban de liberdade. Era xente que traía unha linguaxe nova e moi distinta á música que circulaba nas emisoras daquel tempo. Era un aire fresco que falaba de problemas do momento e de realidades moi distintas  á vida que a  oficialidade  do réxime publicaba no parte diario.

Naqueles anos, onde a música que reinaba era a da chamada copla española, aquela  cantiga  en catalán chocábame moito  e viña a dicirme  algo: Se vives en Galicia e tes unha lingua propia, emprégaa, polo que  canta e fala e faino sen complexos.

Naquela década de efervescencia social, a  finais do sesenta,   comezaban a xurdir e a escoitarse os compoñentes do grupo de cantautores galegos coñecido como Voces Ceibes e tamén un grupo ourensán que naceu  con ex alumnos do Seminario: Folk Cantigas. Que lembranzas as deste fato de rapaces que cantaban aquelo que dicía: “Desperta rexión  asoballada e mírate no espello que tes diante…” ou aquela outra: “Algo cheira a podre ó noso arredor cando lle cortan as alas ó paxaro pra non voar; cando nin se pode loitar polos demais…”

Pois ben, nese tempo Serrat poñíalle voz a Antonio Machado, a Miguel Hernández e a outros poetas. Tamén musicaba textos propios, todos  realmente fermosos.   E nesa liña  seguiu  ate os nosos días. A súa estela poética e musical  deixa tras de si un fato de fermosas cantigas que nos fan meditar e lembrar que  nas cousas  máis sinxelas  da nosa existencia hai poesía. Atrás quedan títulos como: El titiritero; Le llamaban Manuel; Fiesta, Cantares, Mediterráneo; Esas pequeñas cosas; Romamce de Currito el Palmo; e un sin fin de nomes que marcaron un tempo e unha maneira de plasmar na música a  realidade dunha sociedade que fuxía do branco e negro e camiñaba cara a modernidade.

A día de hoxe ós cantautores son máis escasos. Quizais a situación política daqueles anos axudou a que ese fenómeno cultural tivera  tanta resonancia. Hoxe mandan outros ritmos importados sen contido social e soamente pensados para a divertimento. Vivimos o tempo do contorneo senxual e o chunda chunda que o invade todo.   En fin, Serrat marcou unha época  que tivo unha característica:  mesturar  poesía e música dunha maneira que o fermoso ten a capacidade de transmitir  beleza sensibilidade  ademais de mensaxe con contido. Que siga nesa liña moitos anos, aínda que non sexa dende os  escenarios.


Outros artigos de Manuel Herminio Iglesias

As incertezas na aldea global

Ourense, por riba das ideoloxías

O importante é a pasta

Sos Ourense!!!

Ourense cara un ermo cultural

Vandalismo, botellóns e desleixo

Na procura da felicidade

Dúas maneiras de actuar na política

Tinte galeguista

Abrindo un novo camiño

Lembrades a democracia organica?

Actuar en manada

Os refráns na política

As miserias na política

De xeonllos e pedindo perdón

Culturetas de ….

Arroutadas