Manuel Baltar aposta pola “imprescindible colaboración interinstitucional para garantir proxectos de presente e futuro para os ourensáns”

O presidente provincial visitou hoxe por primeira vez a Delegación do Goberno en Galicia, onde mantivo co seu titular, José Miñones, “unha intensa conversa, como intensos foron tamén os temas tratados”, destacando a chegada do AVE a Ourense e maila “andaina de cooperación” que  permitiu facer realidade proxectos como o Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal 

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, expresou hoxe a súa firme aposta pola “imprescindible colaboración interinstitucional para garantir proxectos de presente e futuro para os ourensáns”, dixo ao remate da reunión que mantivo na Coruña co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, “nunha intensa conversa, como intensos foron tamén os temas tratados”.  

AVANTAR ACTIVIDADES

Na súa primeira visita institucional á Delegación do Goberno e ao longo dunha hora, Manuel Baltar e José Miñones abordaron diversos temas de interese para a provincia “entre eles e de xeito principal a chegada do AVE a Ourense, que supón un fito histórico que xerará unha sacudida competitiva para o noso territorio, o que nos vai permitir poñer aínda máis de relevo a nosa máis importante singularidade: o termalismo”. 

Neste sentido, o presidente provincial incidiu na “andaina da cooperación entre institucións e administracións” para facer realidade iniciativas como o Plan de Sustentabilidade turística en Ourense Termal, un dos 23 proxectos elixidos en xullo pasado pola Conferencia Sectorial de Turismo entre 301 candidaturas cun investimento de máis de tres millóns de euros, dos que a Deputación achegará preto de 400.000. No mesmo ámbito referiuse Baltar ao Plan EmprendOU, o primeiro proxecto aprobado en España polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública no marco das políticas de emprego xuvenil do Fondo Social Europeo e dotado con máis de 2 millóns de euros, o plan para a dinamización da Ribeira Sacra, ou “tamén o feito de ser a primeira institución en elaborar e presentar unha estratexia de captación de fondos europeos, tanto dos Next Generation como para o marco financeiro plurianual 2021-2027, que supón un xeito máis de colaboración”. 

Manuel Baltar, que agradeceu a invitación do delegado do Goberno a visitar a sede da institución, onde asinou no Libro de Ouro deixando constancia do goberno provincial que preside como “leal colaborador na defensa dos intereses xerais de Ourense, Galicia e España”, destacou tamén “o perfil do mundo local de José Miñones –vinculado ao Concello de Ames, do que foi alcalde-  o que lle permite coñecer a realidade de Galicia e dos pequenos concellos, tamén desde o contexto nacional, como así tamén comprobamos desde a xunta de goberno da FEMP da que forma parte a Deputación de Ourense”.