A Xunta impulsa a reforma e acondicionamento da casa natal de Losada Diéguez en Boborás para reforzar o seu legado e facelo máis accesible

O secretario xeral de Cultura visita as obras realizadas en virtude dun convenio coa Fundación Losada Diéguez no Pazo de Moldes que actualmente funciona como museo

Salienta que o Goberno autonómico dá resposta ao seu compromiso por manter viva a traxectoria dos autores galegos a través dunha rede museística “sólida e xenuína así como fomentando as actividades que estendan o seu traballo entre os máis novos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Anxo M. Lorenzo tamén participa en Trasalba nunha xornada sobre a obra de Otero Pedrayo e asiste a unha entrega de premios de literatura infantil na biblioteca de Ribadavia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, visitou hoxe os resultados das obras realizadas no Pazo de Moldes, casa natal de Antón Losada Diéguez, que vén de ser reformado e acondicionado co apoio da Xunta. En virtude dun convenio coa Fundación Losada Diéguez, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade achegou 47.000€ para un proxecto que, como indicou, “mellorará a experiencia de visita e reforzará a divulgación do legado do autor ourensán”.
En concreto, actuarase sobre os accesos ao reconstruír un muro de mampostería nunha parcela lindeira e rehabilitouse a cubrición do soportal de entrada ao pazo. Ademais realizouse unha análise, rehabilitación e consolidación da estrutura do forxado da planta baixa da vivenda do pazo e levouse a cabo unha reparación puntual na lareira.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, con esta colaboración a Xunta “dá resposta ao seu compromiso por manter viva a traxectoria dos nosos autores e da nosa literatura a través dunha rede museística sólida e xenuína así como fomentando as actividades que permitan estender o seu traballo ás novas xeracións”.

Apoio á literatura en galego

Ademais de visitar Boborás, Anxo M. Lorenzo participa en Amoeiro na xornada A obra de Otero Pedrayo e o seu estudo: un estado da cuestión, organizada pola Fundación Otero Pedrayo que conta co apoio da Xunta de Galicia. Durante o acto realizouse unha reflexión entre especialistas sobre o autor que servirán de base para unha programación de actividades futuras, tanto de estudo como de difusión.

Tamén no eido literario, o secretario xeral de Cultura asiste na biblioteca municipal de Ribadavia á entrega dos Premios do Concurso Eu Son …! correspondente ao Día do Libro Infantil 2021 convocado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix) co apoio da Xunta. Un certame especialmente importante por incentivar a lectura entre os máis novos así como promover a súa expresividade da man da biblioteca pública e contribuír á divulgación dos creadores galegos.


VIDEO SPOT BOBORÁS en BADAL TV