Gañamos unha batalla, pero o segundo proxecto de Bay Wa é máis lesivo para as persoas

COMUNICADO de STOP EÓLICOS XURÉS CELANOVA diante da saída a información pública do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental do plan de Bay Wa para instalar unha central eólica entre Celanova e Verea con aeroxeradores de 180 metros de altura e unha liña de alta tensión cara a Frieira que non se define.

Bay Wa presentou máis de 3.300 páxinas de documentación técnica e legal o pasado venres, 10 de decembro, e a Xunta de Galiza concede un período de apenas 30 días hábiles para alegacións, coas festas de Nadal e Aninovo polo medio.

AVANTAR ACTIVIDADES

Este novo plan de Bay Wa presenta MODIFICACIÓNS SUBSTANCIAIS respecto do proxecto inicial sometido a información pública en febreiro deste ano. En apenas oito meses (este último proxecto ten data de setembro) A PRESIÓN SOCIAL OBRIGOU Á EMPRESA A DESPRAZAR CATRO AEROS E A SUBESTACIÓN.

Neste novo campo de xogo que empresa e Xunta impoñen á veciñanza, facemos as seguintes consideracións:

1. Gañamos unha batalla, mais a loita será dura

2. Evitamos a implantación directa sobre os espazos patrimoniais e paisaxísticos do Monte da Neve.

2.1. Foi grazas á loita destes meses na rúa e nas redes, cunha andaina en DEFENSA DO MONTE DA NEVE e coa coordinación con veciñas e veciños destas comarcas e da provincia afectadas por outras ameazas eólicas.

2.2. A loita veciñal coordinada e a nivel de país está conseguindo os seus froitos. E un deles é poñer en evidencia a falta de seriedade do proxecto que BAY WA presentou en febreiro. Aquel proxecto botárono o lixo, e os enxeñeiros que pensaban que poderían chantar aeroxeradores onde lles petaba, tiveron que cambiar de sitio as máquinas.

Así:

O aero nº 3 móvese 1,29 km cara o Suroeste.

O aero nº 4, 860 metros.

O aero nº 5, 490 metros.

O aero nº 7, 480 metros.

E a subestación, 480 metros, tamén cara o Suroeste.

3. Canto durará este segundo plan presentado por BAY WA que, no prazo dun verán, tivo que corrixir substancialmente o anterior?

4. Carece de sentido que a empresa insista nun proxecto que NON pode seguir movéndose máis cara a o OESTE. Xa sabemos que as persoas non lles importan (aí hai aldeas), pero teñen a imposibilidade técnica de NON achegarse máis á central eólica do Vieiro.

3.1. A presión social MOVEU os muíños. O seguinte é afundilos: esas alturas (180 metros) seguen sendo inadmisíbeis.

5. O risco principal deste segundo intento de BAY WA está en que coloca os muíños MOITO MÁIS PRETO das aldeas. Aliña os aeroxeradores nunha ringleira de Norte a Sur, creando unha sinerxía terríbel para o impacto sobre a saúde das persoas ademais dunha barreira infranqueábel para a avifauna.

5.1. Hoxe sabemos que os eólicos provocan diversas doenzas en persoas expostas aos infrasóns. Chámase o síndrome da turbina, e vén definido nunha sentenza dun tribunal de Toulouse (Francia) que concedeu indemnizacións a dúas veciñas que reclamaron polos problemas de saúde ocasionados por un polígono eólico con maquinas entre 700 metros e 1.300 metros da súa casa.

5.2. Cales son os riscos (e as afeccións xa documentadas) que están dispostos a asumir as Autoridades galegas a respecto dun polígono eólico que en Alemaña (e pronto en Francia) sería ilegal?

Estas son as distancias que figuran no novo plan da empresa:

– A Cigarrosa, 603 metros –  ILEGAL EN ALEMAÑA

– A Cardeo, 640 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA

– A Albos, 743 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA

– A Gontán, 850 metros – ILEGAL EN ALEMAÑA

– A Fontechide, 1.093 metros (esta aldea ten varios aeros do PE do Vieiro a menos de 1 quilómetro).

– A Laioso, 1.226 metros (esta aldea entra na zona de afección grave co novo plan)

– A Casal do Bispo, 1.312 metros (esta aldea entra na zona de afección grave co novo plan).

6. Fracasado o plan anterior, o novo plan de BAY WA determina que as veciñas e veciños de Verea teñen menos dereito á paisaxe que as veciñas e veciños do resto do país.

6.1. No proxecto actual a empresa di: “los aerogeneradores y apoyos de la LAT no supondrán una alteración significativa en un paisaje en el que estos elementos ya forman parte del mismo desde hace años y que simbolizan un cambio social en la generación de la energía”.

DEGRADAR a paisaxe aludindo a unha degradación anterior NON é aceptábel nun Estado de Dereito. Incidir na degradación é rebaixar un dereito a un grupo de cidadáns: é incidir na súa discriminación como colectivo e como individuos.

6.2. Ese “cambio social na xeración de enerxía” co que parecen compensar simbolicamente o sacrificio deste territorio, é unha fraude. Non hai cambio social ningún nun modelo que mantén nas mans privadas das grandes corporacións O CONTROL DOS RECURSOS e nega á veciñanza calquera PODER DE DECISIÓN.

7. A primeira lección que aprendemos deste novo plan de Bay Wa é esta: detivemos o primeiro proxecto, podemos parar este segundo.

E resulta máis imperativo PARAR ESTE SEGUNDO, porque É MOITO MÁIS AGRESIVO QUE O ANTERIOR SOBRE A SAÚDE DAS PERSOAS.