O polifacético etnólogo ofrecerá mañá mércores, día 15, no Centro Cultural Marcos Valcárcel, un novidoso concerto didáctico no que tamén poderá participar o público interpretando xunto ao invitado coñecidas cancións
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá mañá mércores, 15 de decembro, a partir das 19.45 horas, un concerto de música étnica a cargo do compositor e investigador hispano uruguaio Carlos Blanco, “nunha iniciativa que terá un marcado carácter didáctico e no que poderá participar o público asistente”, sinalou o director do centro, Manuel Brañas.
O concerto, organizado tamén como actividade de Nadal, inclúe un variado e entretido programa que consta de cinco apartados. En primeiro lugar, Blanco recitará un pensamento do seu libro de aforismos Reflexións á beira do camiño, relacionado coa música étnica universal, xunto cun breve repaso, acompañado de imaxes, de como nace un museo da música, a súa importancia e o seu éxito. A continuación, o compositor explicará e fará unha demostración sonora de instrumentos musicais exóticos, na súa maioría descoñecidos para o gran público.
No terceiro apartado do acto, o invitado fará unha breve lectura do seu libro O sorriso oculto da música, acompañada dunha mostra das imaxes que se inclúe no volume. A continuación interpretará a canción Galego, dedicada á emigración dos seus antepasados galegos, xunto coa proxección do videoclip. O concerto pecharase coa participación do público, onde a través dun innovador sistema de guía e mailo uso de instrumentos especiais, 35 persoas poderán interpretar coñecidas cancións, sexan ou non músicos.
Carlos Blanco Fadol ten unha relevante traxectoria como etnomusicólogo, investigador, compositor, cantautor, multiinstrumentista, inventor de instrumentos, poeta, escritor e humanista que recibiu numerosos recoñecementos en Europa, Asia e América, xunto con dúas candidaturas aos Premios Príncipe de Asturias; ás Artes en 2006, e á Concordia en 2009.
Posúe unha das coleccións de instrumentos musicais étnicos máis importantes do mundo, con máis de 4.000 pezas e fundou tres museos en España: Centro Internacional de Música UNESCO, Altea (Alacante) 1999; Barranda-Caravaca (Murcia) 2006 e Busot (Alacante) 2015. Autor de numerosos libros musicais, entre eles unha enciclopedia, ademais de libros de relatos e poesía, impartiu conferencias en Asia, Europa e América, é o creador dun innovador sistema musical para cegos.