O vicepresidente da Deputación de Ourense participou hoxe na presentación e inauguración do certame no centro cultural “Marcos Valcárcel” que se celebrará do 16 ao 19 de decembro en Ourense, Celanova e Ramirás
Os premios Rebulir da Cultura Galega 2021 recaeron en Xabier Díaz Carro (na categoría de Música Galega), no programa da TVG Xabarín Club (na categoría de Artes Escénicas), en Anxo Angueira (na categoría homenaxe), xunto á mención de honra que se fará durante a gala central, o vindeiro 18 de decembro, aos emigrantes retornados a Ramirás
A XVI edición do Festival Internacional Rebulir (FIR) volverá a espallar entre os ourensáns a cultura etnográfica doutros lugares polos concellos de Ourense, Celanova e Ramirás. A inauguración do certame tivo lugar hoxe no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a coordinadora territorial de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Sandra Quintas; a alcaldesa de Ramirás, Isabel Gil; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; e o director do FIR, Alexandre Sotelino.
Rosendo Fernández lembrou que este festival naceu co obxectivo de “achegar ata Ramirás e á comarca a grupos de persoas con culturas diferentes a nosa, así como facer partícipes á nosa veciñanza e que poidan ter coñecemento doutras manifestacións de carácter etnográfico”. Cos anos, o FIR converteuse “nunha das citas lúdico-cultural máis importantes da nosa provincia que cada mes de decembro ofrece unha ampla e variada programación que ten tamén calado educativo porque axuda a ampliar coñecementos sobre outras culturas diferentes á nosa”. Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense recoñeceu o gran labor que realiza o colectivo Rebulir “a prol da nosa cultura e das tradicións”.
Pola súa parte, Alexandre Sotelino agradeceu “a gran colaboración público e privada que respalda este Festival” e recalcou que esta é edición é a “da insistencia e a da resistencia, porque a pesar da situación sanitaria actual fomos capaces de levalo a cabo e resistímonos a cancelalo”. Neste sentido, o director artístico do FIR destacou que o Festival celebrarase baixo medidas moi estritas para garantir a seguridade da organización, dos participantes e dos asistentes. En canto á programación desta edición, Alexandre Sotelino afirmou que é “máis ampla porque ten máis actividades, máis diversa e máis inclusiva porque tratamos de traballar con todos os colectivos do municipio”.
A gala central do Festival presentada por Pulpiño Viascón, durante a cal se entregan os premios Rebulir da Cultura Galega, celebrarase o vindeiro sábado, 18 de decembro, a partir das 19.00 horas no polideportivo de O Picouto. Este ano, o xurado do certame decidiu recoñecer o traballos das seguintes persoas e institucións: na categoría de Música Galega premiouse a Xabier Díaz Carro pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fóra de Galicia; na categoría de Artes Escénicas foi premiado o programa da TVG Xabarín Club por ter contribuído desde o audiovisual á normalización lingüística e difusión da cultura galega; e na categoría homenaxe premiouse a Anxo Angueira pola súa contribución á literatura galega e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova. Así mesmo, durante a gala farase unha mención de honra aos emigrantes retornados a Ramirás.
Esta gala será “máis dinámica, curta e rápida ca outros anos”, sinalou o director do FIR, porque se desenvolverá en dous sets no escenario para alternar as intervencións e para facilitar que os cambios sexan rápidos e con transicións lúdicas para o público”.
Programación
O Festival Internacional Rebulir organiza no marco da súa programación varias actividades paralelas nas cales os interesados poden inscribirse a través da súa web. Trala inauguración, a programación trasladarase ao centro cultural O Picouto coa apertura da exposición “A Galicia imaxinada”, “unha exposición senlleira en Galicia con percorrido tamén pola Galicia americana que se poderá visitar ata o 26 de decembro”, sinalou Sotelino. Ás 18.30 horas, no Espazo Xove de Ourense presentarase ás 18.30 horas o libro “O toque pechado” de Pablo Seoane, e ás 20.00 horas, terá lugar un obradoiro de danzas do mundo impartido pola Asociación Monteira.
Mañá venres, 17 de decembro, as actividades comezas ás 11.00 horas co espectáculo “Os Bolechas e as Tradicións”, no CEIP Rogelio García Yáñez. Ás 16.30 horas haberá animación “Aprendemos o mundo” na Residencia de Maiores “O Mosteiro” impartida por Ismael Rodríguez. E, por último, a partir das 20.00 horas, “outra das novidades deste ano é a foliada itinerante cos grupos da comarca (Solpor, Celavella e Rebulir) para sumar forzas e, por elo, estaremos en diferentes lugares de Celanova ao mesmo tempo inundando a capital da comarca con música”, explicou Alenxandre Sotelino.
O sábado, 18 de decembro, a programación comezará ás 13.00 horas con animación a cargo de Quitus (Ecuador) e Tangra (Bulgaria) na praza Maior de Celanova. Ás 16.30 hora, Tangra encherá de música as rúas e espazos de Ramirás. Tras elo, será ás 19.00 horas a gala central na que ademais da entrega dos premios, haberá actuacións a cargo do grupo Rebulir, Tangra, Quitus, Mayalde (Salamanca) e o Grupo Folclórico de Cacia (Portugal).
Por último, o domingo, 19 de decembro, ás 13.00 horas o Grupo Folclórico de Cacia animará a Feira de Ramirás en Vilavidal e, rematará esta edición co concerto (virtual) de Alba Faro ás 20.30 horas.