Baltar afirma que a Deputación de Ourense contribuirá a “imprimir alta velocidade” aos territorios do Eixo Atlántico

Ás 12.00 horas: Comité Executivo do Eixo Atlántico.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participa na reunión do Comité Executivo do Eixo Atlántico, tamén asisiten Ricarod Rio (Presidente do Eixo Atlántico), Lara Méndez (VicePresidenta do Eixo Atlántico), Xoan Vázquez Mato (Secretario Xeral do Eixo Atlántico) e o resto dos integrantes do Comité Exicutibo. . Lugar: Centro Cultural Marcos Valcárcel, acompañan no acto.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, exerceu hoxe como anfitrión do comité executivo do Eixo Atlántico, reunido no Centro Cultural Marcos Valcárcel, onde o órgano de dirección do lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades locais e provinciais de ambos os países, deseñou a súa axenda de traballo para 2022 e acordou trasladar aos gobernos español e portugués as súas reivindicacións para impulsar a conexión ferroviaria entre Ferrol e Lisboa, co seu traxecto transfronteirizo entre Vigo e Porto, e a imprescindible participación das entidades locais como executoras na xestión dos fondos de recuperación e resiliencia.

Manuel Baltar afirmou tras o encontro que a Deputación, tras a súa incorporación ao Eixo Atlántico o pasado 10 de febreiro, vai contribuír agora a “imprimir alta velocidade aos territorios da eurorrexión e a todos aqueles que compoñen esta organización, grazas á inminente chegada do AVE a Ourense e as novas oportunidades que se xerarán”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para Baltar, a institución provincial tiña que participar no Eixo Atlántico “como o territorio que máis lazos históricos e culturais ten con Portugal, sendo a provincia que posúe a fronteira máis extensa co veciño país de toda España”. Pero, ademais, pola súa achega ao desenvolvemento e posta en valor do termalismo e o patrimonio termal da eurorrexión, así como a participación conxunta en proxectos e iniciativas que contribúan á promoción do sector. Un traballo que foi recoñecido en febreiro pasado coa elección de Manuel Baltar, por unanimidade, como presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico.

O presidente da Deputación ourensá, xunto ao presidente do Eixo Atlántico e alcalde de Braga, Ricardo Rio; a vicepresidenta e alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; e o secretario xeral da organización, Xoán Vázquez, participou na convocatoria posterior para dar conta dos detalles da reunión.

Ás 12.00 horas: Comité Executivo do Eixo Atlántico.- O presidente da Deputación, Manuel Baltar, participa na reunión do Comité Executivo do Eixo Atlántico, tamén asisiten Ricarod Rio (Presidente do Eixo Atlántico), Lara Méndez (VicePresidenta do Eixo Atlántico), Xoan Vázquez Mato (Secretario Xeral do Eixo Atlántico) e o resto dos integrantes do Comité Exicutibo. . Lugar: Centro Cultural Marcos Valcárcel, acompañan no acto.

Ricardo Rio, que agradeceu a Manuel Baltar “a hospitalidade coa que nos acollestes”, puxo en valor do traballo realizado pola Deputación de Ourense desde a súa incorporación á organización como “un dos membros máis activos e fundamental para o éxito dun proxecto que en 2022 cumprirá 30 anos”.

O Eixo Atlántico, dixo, “demostrou neste tempo que somos unha organización forte, atractiva, con máis institucións, máis territorios adheridos e moitos proxectos que marcan a diferenza tanto no ámbito económico como no turístico ou o cultural, pero tamén ao redor doutros temas máis recentes e non menos importantes como a axenda urbana, a sustentabilidade, a cohesión territorial e a demografía”, engadindo que na era poscovid “esta eurorrexión e os territorios que comprende o Eixo mostrarán que son unha área de novas oportunidades”.

Lara Méndez tamén defendeu a “tremenda utilidade da organización para o desenvolvemento desta eurorrexión, onde seguiremos traballando na vertente social, para que ninguén quede atrás, e na económica, por ser o mellor antídoto contra as consecuencias da pandemia, onde con independencia das nosas competencias fomos capaces de adoptar medidas para conter a situación e a deterioración dos territorios”. Os fondos Next Generation e do marco financeiro plurianual 2021-2027 abren moitas oportunidades, engadiu, “pero debemos estar preparados e saber onde priorizar para que teñan o necesario retorno e axuden a fortalecer os territorios”.

Pola súa banda, Xoán Vázquez subliñou a importancia da incorporación da Deputación de Ourense “pois nos permitiu reforzar o eixo Lugo-Ourense-Tras Móntesvos, axudando así á favorecer a cohesión interna”.

O comité executivo do Eixo Atlántico, que aprobou un orzamento de 4,3 millóns de euros para o próximo exercicio, adoptou na reunión celebrada en Ourense os seguintes acordos.

• Reivindicación de infraestruturas ferroviarias. A organización dirixirá unha carta á comisaría europea de Transportes para defender, unha vez máis, a importancia da conexión ferroviaria entre Ferrol e Lisboa, así como o seu traxecto transfronteirizo entre Porto e Vigo, como infraestruturas fundamentais para que Galicia e Portugal sexan máis competitivas na península ibérica e a Unión Europea. Onte mesmo aprobouse en Bruxelas o plan de mobilidade verde e eficiente, que marca as novas condicións do transporte europeo a partir deste intre, documento no que se fai mención expresa á prioridade dunha conexión de alta velocidade entre Porto e Vigo.

• Fondos de recuperación e resiliencia. O comité executivo do Eixo Atlántico trasladará aos gobernos español e portugués, a través das asociacións lusas de municipios e da Fegamp, respectivamente, a reivindicación das entidades locais – concellos, cámaras municipais e deputacións- para participar como executoras na xestión dos fondos de recuperación.

En setembro pasado, o comité executivo encargou un estudo sobre os plans elaborados polos gobernos español e portugués -presentado hoxe polo asesor da organización e expresidente da Xunta, Fernando González Laxe- e do que se extrae unha clara conclusión: O éxito destes plans só é posible se as entidades locais son tidas en conta á hora de executar os fondos, pois só así se garantirá unha adecuada xestión dos mesmos e o seu impacto nos territorios e a cidadanía.